Escoitar

A cabalgata de Reis traerá a ilusión a Vigo

O concelleiro de Cultura e Festas, Ignacio López-Chaves, presentou esta mañá a cabalgata de Reis de 2005, que foi pensada, segundo afirmou, "para que os nenos gocen". A cabalgata, que repetirá o percorrido do ano pasado, contará con 18 carrozas e un orzamento de máis de 100.000 euros.

mércores, 29 dec 2004
1104328740cabalgata.jpg
O concelleiro de Cultura e Festas, Ignacio López-Chaves, afirmou esta mañá que a cabalgata de Reis de 2005 foi pensada "para que os nenos gocen". Durante a presentación da cabalgata, que tivo lugar esta mañá, Ignacio López-Chaves asegurou que o Concello quere que os máis pequenos "poidan ver os Reis e teñan a ilusión de recibilos na nosa cidade".

A cabalgata de Reis de 2005 repetirá o percorrido do ano pasado, que é o recomendado pola Concellería de Tráfico e polos organizadores. Haberá un total de 18 carrozas, cinco delas habilitadas polo Concello: a da estrela de Oriente, as dos tres Reis Magos e a do carteiro real. Ademais, repartiranse uns 3.000 quilos de caramelos, sen contar cos que porán as diferentes asociacións que contan con carrozas propias. O final do evento será rubricado co lanzamento de fogos de artificio.

Espérase que a duración da cabalgata sexa de dúas horas, tempo que se poderá prolongar no caso de que chova. Para que todo saia ben, o Concello distribuirá un folleto no que se recollen varias medidas de seguridade, tendo en conta que a de Vigo é a cabalgata de Reis máis multitudinaria de Galicia.

Así mesmo, os nenos terán a posibilidade de participar subindo ás carrozas dos Reis Magos, en concreto 10 por cada carroza. Mañá ás 12:00 celebrarase no Concello un sorteo para determinar os nomes dos afortunados.
Descargar todas as imaxes