Escoitar

O Concello asina varios convenios para a formación de mulleres desempregadas no campo da axuda aos drogodependentes

A concelleira de Promoción Económica e Desenvolvemento Local, Lucía Molares, asinou esta mañá varios convenios de colaboración con diferentes entidades pertencentes ao Plan Local de Drogodependencias e outras Adiccións, para a formación de 13 mulleres desempregadas que se están a formar grazas ao proxecto Alicerce.

martes, 28 dec 2004
110424588711.jpg
A concelleira de Promoción Económica e Desenvolvemento Local do Concello de Vigo, Lucía Molares, asinou esta mañá varios convenios de colaboración con diferentes entidades pertencentes ao Plan Local sobre Drogodependencias e outras Adiccións. En virtude deste acordo, 13 mulleres desempregadas que se están a formar grazas ao proxecto Alicerce no campo de adiccións e condutas de risco realizarán as súas prácticas profesionais nas ditas entidades.

Estas prácticas, cunha duración de 220 horas, desenvolveranse do 10 de xaneiro ao 30 de marzo de 2005, co obxectivo de proporcionarlles ás alumnas contacto laboral co sector no que se pretenden insertar, así como para fomentar as pautas necesarias para unha boa execución do seu traballo. As participantes son psicólogas, traballadoras sociais e educadoras sociais en situación de desemprego.

As entidades coas que se asinarán os citados convenios de colaboración son: a asociación cidadá de loita contra a droga "Alborada", a unidade asistencial de alcoholismo "Asvidal", a unidade asistencial de drogodependencias "Cedro", a asociación de axuda aos toxicómanos "Érguete", as nais en defensa dos mozos drogodependentes "Madro", a asociación Médicos do Mundo e Proxecto Home Galicia. Lucía Molares afirmou coñecer "de primeira man" o traballo destas entidades e salientou a súa "gran profesionalidade".

O proxecto Alicerce, que iniciou as súas actividades no mes de marzo 2004, é unha iniciativa promovida pola Concellaría de Desenvolvemento Local e Emprego do Concello de Vigo e que conta cunha axuda económica no marco da Subvención Global do Fondo Social Europeo. O proxecto pretende reforzar os servicios de atención a persoas no Concello de Vigo a través da cualificación de desempregados nos campos de mediación intercultural, adiccións e condutas de risco, animación en terceira idade e discapacidade, así como formar e acompañar no deseño e posta en marcha de proxectos empresariais.
Descargar todas as imaxes