Escoitar

Vigo contará cun novo centro de día para persoas maiores no edificio Atalaia

Así se recolle nun convenio de colaboración asinado esta mañá entre a alcaldesa, Corina Porro, <br /> e a conselleira de Asuntos Sociais, Belén Prado, cunha achega de 420.000 euros.<br />

mércores, 27 out 2004
1098881510conve.jpg
A cidade de Vigo terá un novo centro de día para persoas maiores no edificio Atalaia, na parroquia de Teis. A alcaldesa, Corina Porro, e a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, asinaron esta mañá un convenio de colaboración polo que o departamento autonómico achega 420.000 euros ao Concello de Vigo para a creación desta instalación nun prazo de tres anos, dende o 2004 ata o 2006.

O centro ubicarase no edificio Atalaia, propiedade do Concello, unha vez que se leven a cabo as obras necesarias para o seu acondicionamento. As novas instalacións, que contarán con 35 prazas, destinaranse á atención de persoas maiores de 65 anos, carentes de autonomía física ou psíquica e que precisen de coidados de carácter persoal, terapéutico ou social.

A creación dun centro destas características en Vigo resposta á necesidade de dotar de equipamentos específicos á cidade, onde o grupo de maiores de 65 anos é moi numeroso, co fin de facilitar a permanencia no seu propio contorno destas persoas así como proporcionar apoio ás familias no seu coidado.

Neste senso, a Xunta, xunto coa Deputación e o Concello de Vigo teñen en marcha o programa "Ningún maior en soidade", coa finalidade de que tódolos vigueses de máis de 65 anos que vivan en solos teñan un teléfono de contacto directo cos servicios asistenciais en caso dalgunha emerxencia.

Plan Concertado

O acordo subscrito hoxe enmárcase dentro das accións do Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais, que regula a cooperación económica e técnica entre a consellería e os concellos. Deste xeito, garántese unha rede pública de apoio social á que poden acceder dun xeito fácil e efectivo a través das corporacións locais todas as persoas e colectivos, especialmente aqueles que se atopan en situacións de necesidade. Os principais obxectivos do plan son garantir uns servizos sociais básicos a toda a poboación, construír unha rede pública de equipamentos sociais e cooperar cos distintos municipios para que podan afrontar as súas competencias na xestión dos servizos sociais.

No presente exercicio, o Plan Concertado conta cun orzamento de 19 millóns de euros, o que supón un incremento do 16% respecto ó ano pasado. Unha das liñas estratéxicas que define as actuacións deste exercicio é o incremento da dotación orzamentaria para apoiar a construcción e o equipamento de centros de día para maiores.
Descargar todas as imaxes