Escoitar

O Concello de Vigo e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade asinaron un convenio por 64.601,21 euros

A firma do convenio serviu tamén para presentar as xornadas "Cooperar na cooperación", que servirán de punto de encontro e reflexión para facer un diagnóstico do estado das axudas na Comunidade Galega.

martes, 26 out 2004
1098795980firma.jpg
O Concello de Vigo asinou un convenio de colaboración co Fondo Galego de Cooperación para o Desenvolvemento cunha achega de 60.101,21 euros destinados a proxectos e 4.500 para actividades conxuntas de prevención e sensibilización. O Fondo Galego comprométese a aplicar estes recursos a proxectos de cooperación ao desenvolvemento en países do sur, ben a través da actuación de ONGs, ou ben cunha cooperación directa.

O Concello mostra así o seu compromiso co propósito de impulsar aquelas prácticas que posibiliten unha maior coordinación das políticas municipalistas desenvolvidas en Galicia, compartindo coas ONGs e o conxunto da poboación esa aspiración común á mellora da cooperación.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade nace en 1997 coa idea de aglutinar aos concellos e deputacións de Galicia co obxectivo de canaliza-las axudas de cooperación ao desenrolo. Inicialmente foron 11 os concellos pioneiros nesta organización e na actualidade, dende 2003, o Fondo está integrado por 63 socios, sendo membros os concellos das sete cidades galegas, tres deputacións e a maioría dos concellos medianos e moitos pequenos. O concello de Vigo adheriuse ao Fondo en 1998.

"Cooperar na cooperación"

A firma do convenio serviu tamén de presentación para as xornadas "Cooperar na cooperación" que terán lugar o venres no auditorio de Caixa Galicia e servirán de punto de encontro entre as administracións locais e autonómica, as ONGs, a Universidade e tódolos axentes locais, que departirán sobre o estado actual da cooperación en Galicia. A xuntanza, á que lle seguirán outras, será unha referencia para a reflexión e o diagnóstico, así como para establece-las prioridades de actuación nas que converxen os diferentes axentes implicados. O presidente do Fondo Galego, Alfredo Novoa Gil, afirmou que a filosofía coa que iniciaron esta andadura foi a de "aprender a cooperar entre nós para poder cooperar fora".

Entre os programas de cooperación desenrolados polo Fondo, Alfredo Novoa destacou as labores de discriminación positiva cara aos oprimidos e as axudas á muller, principalmente nos países de Latinoamérica e, entre eles, cunha especial dedicación aos de fala lusófona. Nomeou así mesmo os proxectos que aportan os coñecementos dos concellos no referente a infraestructuras, apoios e asesoría técnica. Neste senso, destacou especialmente o Plan integral da cidade de Santiago de Cuba, un plan Maestro proxectado a 4 anos que fomentará as inversións e o intercambio de arquitectos e técnicos para a mellora do entorno da cidade.
Descargar todas as imaxes

Máis información