Escoitar

O Pleno do Concello aprobou o regulamento definitivo do Valedor do pobo, a modificación da relación de postos de traballo do IMD e o incremento da operatividade do aeroporto de Peinador

O Pleno do Concello aprobou o regulamento definitivo da Comisión de Suxerencias e Valedor do cidadán. Respecto ao incremento de persoal no Instituto Municipal dos Deportes, a proposta quedou condicionada aos orzamentos. No caso do aeroporto de Peinador, o Pleno resolveu aumentar as horas de funcionamento ata aprobar a súa operatividade as 24 horas.

luns, 25 out 2004
1098712962pleno.jpg
O Pleno do Concello aprobou por unanimidade o regulamento definitivo da Comisión Especial de Suxerencias e Reclamacións e do Valedor do Cidadán, de acordo co texto aprobado inicialmente. Segundo tal texto, a Comisión de Suxerencias e Reclamacións constitúese como o órgano superior na supervisión do funcionamento da Administración Municipal, actuando en defensa dos veciños, con autonomía e independencia respecto dos demais órganos. A Comisión estará integrada por un concelleiro de cada grupo municipal.

Pola súa banda, o valedor do cidadán fará un seguimento das actuacións acordadas pola Comisión e levará o control, seguimento e coñecemento das reclamacións que se formulen, entre outras funcións. Deberá actuar con independencia, imparcialidade e obxectividade e poderá acceder ao cargo calquera veciño de Vigo con recoñecido prestixio persoal ou profesional.

Instituto Municipal dos Deportes

Respecto ao incremento do cadro de persoal e modificación da relación de postos de traballo do Instituto Municipal dos Deportes, o Pleno aprobou por unanimidade a ampliación de persoal, condicionada á aprobación dos vindeiros orzamentos, por ser unha necesidade ben coñecida do Instituto, se ben algúns membros da Corporación destacaron a irregularidade do procedemento, que debería constar nos orzamentos previstos con anterioridade.

Aeroporto de Peinador

O Pleno aprobou unanimemente a moción do Grupo Municipal Democracia Galega que pedía a operatividade do aeroporto de Peinador durante as 24 horas do día. Mentres tanto, compre amplia-lo horario de funcionamento das instalacións do aeroporto de xeito inmediato para permitir o cumprimento das solicitudes dos operadores. A moción inclúe tamén un proxecto para a ampliación do aparcadoiro e o abordamento definitivo do Plan do Aeroporto para acadar unha operatividade total e a máxima eficacia dunha infraestructura vital para a economía viguesa.

Solo industrial

A petición da inclusión de máis solo industrial no PXOM foi aprobada polos membros do Pleno. A carencia de solo industrial libre na cidade de Vigo é un hándicap para a boa marcha do binomio creación de riqueza-emprego. Vigo ten a sorte de ser un punto atractivo para inversores e empresarios que, moitas veces, teñen que renunciar á implantación das súas industrias na cidade pola falta de solo industrial, como pode se-lo caso das industrias de frío. As necesidades concretas son duns 75.000 metros cadrados para crear un mínimo de 270 postos de traballo.

Tráfico pechado

A proposta de pechar ao tráfico o contorno da praza de Compostela durante os domingos e festivos foi aprobada con reservas. A necesidade no centro urbano de Vigo de contar con áreas afastadas do tráfico e a polución, lugares onde se poda pasear e falar sen ruídos nin présas engarza coa filosofía que a Corporación Municipal quere aplicar na cidade. A moción do BNG inclúe a posibilidade de recuperar as bandas municipais tocando nas mañás dos domingos nestas zonas peonís. Sen embargo, os problemas que pode causar esta medida na axilidade do tráfico urbano dos domingos fai que se aprobe a moción tan só transitoriamente, ata medir coa práctica as consecuencias reais da medida.

Puntos limpos

Tendo asegurado por concesión o servicio público de recollida e transporte de residuos sólidos urbanos e carecendo a cidade dos denominados "Puntos limpos", o Pleno aprobou por unanimidade a reclamación do compromiso que a consellería de Medio Ambiente ten para a súa construcción en 2005.

Topónimos vigueses

Tendo en conta a elevada riqueza da toponimia galega, conservar este patrimonio cultural é unha obriga para todos. A crecente e nova urbanización carente de criterios nesta materia, está a invadir de nomes alleos á cultura e ás raíces viguesas dunha maneira preocupante. A moción do BNG, aprobada con matices polo Pleno implica a preferencia de topónimos tradicionais antes que fórmulas de nova invención. Na base, tódolos grupos municipais están de acordo coa moción, o problema é que a redacción da mesma é as veces excluínte con outras posibilidades sen atender ao caso concreto.
Descargar todas as imaxes