Escoitar

O Concello aporta máis de 200.000 euros á Fundación Liste para o desenvolvemento do seu proxecto cultural

A Fundación establece a entrada gratuíta ao Museo Etnográfico Liste para as asociacións de maiores e os grupos de escolares.

martes, 26 out 2004
1098796728etno.jpg
A alcaldesa de Vigo, Corina Porro, e o presidente da Fundación Liste, Olimpio Liste, asinaron hoxe o convenio marco para o financiamento da Fundación Liste-Museo Etnográfico de Vigo para os anos 2004 e 2005, e que supón unha achega por parte do Concello de máis de 200.000 euros (108.182 no 2004 e 96.161 para o 2005). O Concello de Vigo contribúe deste xeito ao desenvolvemento do proxecto cultural da Fundación.

Entre os compromisos da Fundación Liste en virtude deste convenio marco destaca o de realizar as actuacións previstas, xestións e programas nos seus orzamentos anuais, así coma o de establecer a entrada de balde ao Museo Etnográfico Liste para as asociacións de persoas maiores do Concello de Vigo e para os grupos de escolares procedentes de centros educativos do termo municipal.

Para o seguimento do convenio crease unha comisión de seguimento integrada por un representante do Concello e outro da fundación. A comisión establecerá un canle áxil de intercambio de información e experiencias no eido da protección, conservación e difusión do Patrimonio Etnográfico entre a fundación e os servicios municipais e proporá novas iniciativas neste ámbito.

Dende a creación da Fundación, no ano 1998, o Concello ven realizando distintas achegas, entre elas a cesión e a rehabilitación do edificio denominado Chalé Barreras, de propiedade municipal, para o seu uso como Museo Etnográfico, que no ano 2004 recibiu a visita de 12.000 persoas. O Concello contribuíu tamén á realización do proxecto museográfico, á restauración de pezas, climatización e reparación da cuberta do edificio, e ven aportando 120.000 euros anuais á Fundación dende o ano 2000.

A Fundación Liste-Museo Etnográfico de Vigo constituíuse en 1998 entre o Concello e Olimpio Liste e a súa dona Josefina Fernández Mosquera. Olimpio Liste doou á Fundación parte da súa colección etnográfica –1.630 pezas- que compón a base da colección permanente do Museo Etnográfico Liste de Vigo. A Fundación ten entre os seus obxectivos a protección, promoción e defensa do patrimonio etnográfico, a creación e xestión do museo e o desenvolvemento de actividades de recuperación, investigación, formación e conservación do patrimonio etnográfico.
Descargar todas as imaxes