Escoitar

A Xerencia de Urbanismo aproba a proposta de acordo sobre o reemprazamento da subestación eléctrica do Castro

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo acordou, na súa sesión ordinaria, modificar puntualmente o vixente Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU) con motivo do traslado e reubicación da subestación eléctrica do Castro. A nova localización que se propón para a subestación refírese ao subsolo da plataforma do vial interior do Monte do Castro, entre os tramos de escaleiras de subida dende a rúa Camelias.

xoves, 23 set 2004
A modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Vigo sobre reubicación da subestación eléctrica do Castro, foi aprobada, coas abstencións do BNG e do PSOE, na mañán do xoves polo Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo. Unha proposta de acordo que asume como propia a iniciativa da entidade mercantil Unión Fenosa, segundo a documentación presentada en marzo de 2004 e asinada pola arquitecta María Asunción Leboreiro. Todos os grupos políticos acordaron solicitar aos técnicos que redacten o proxecto que garantan que o deseño exterior da fachada da subestación non sufra modificacións sustanciais e quede, coma mínimo, como se atopa na actualidade.

O interese público da modificación aparece xustificado, xa que se encamiña á mellora dun servicio público esencial como é o suministro de enerxía eléctrica da cidade. Así, a nova localización que se propón para a subestación refírese ao subsolo da plataforma do vial interior do Monte do Castro, entre os tramos de escaleiras de subida dende a rúa Camelias.

Dado que a modificación afecta á normativa vixente do PXOU, previa redacción do proxecto técnico da obra, levarase a cabo un estudio de sostibilidade ambiental, impacto territorial e paisaxístico, no que se analizarán e ponderarán os efectos de execución e desenvolvemento das novas determinacións da modificación sobre os recursos naturais e o medio físico, xustificando así, as solucións adoptadas.

Asimesmo e por afectar a modificación ao subsolo nunha superficie de 198, 47 metros cadrados de terreo cualificado como zona verde, requirirase do informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo da Xunta de Galicia. Ademáis, deberanse efectuar as pertinentes sondaxes arqueolóxica do terreo afectado, dado que a modificación atópase no ámbito dun xacemento arqueolóxico.

Tralo dictame favorable do Consello da Xerencia de Urbanismo, remitirase o proxecto ao Pleno do Concello quen terá que pronunciarse de cara a súa aprobación.