Escoitar

Educando na igualdade de xénero

A concellería da Muller, presidida por Lucía Molares, ven de colaborar na publicación dunha guía de linguaxe non sexista co fin de promover a igualdade entre homes e mulleres dende a educación. Trucos e recomendacións a ter en conta para rematar coas barreiras que separan a ambos sexos na vida cotiá.

mércores, 8 set 2004
1094560110muller.jpg
A publicación, elaborada en colaboración coa concellería da Muller, enmárcase dentro das accións establecidas na área de Transversalidade do II Plan Municipal para a Igualdade de Oportunidades e de Trato das Mulleres de Vigo 2003-2004, aprobado polo Pleno da Corporación en novembro de 2002. Así, e baixo o título "A linguaxe fainos iguais", a guía trata de promover a igualdade entre homes e mulleres na vida económica e social e no acceso e o pleno disfrute dos dereitos sociais, ao tempo de fomentar unha igual participación e representación dos mesmos. Unha clara aposta polo cambio dos roles e estereotipos establecidos en función do sexo.

O proxecto Compás-Equal da Área Metropolitana de Vigo considerou a elaboración desta guía co obxecto de chegar ao uso non sexista da linguaxe no ámbito do emprego. Unha iniciativa apoiada pola Estratexia Marco Comunitaria sobre a Igualdade entre Homes e Mulleres (2001-2005).

O sexismo lingüístico
Incórrese en sexismo lingüístico cando a mensaxe resulta discriminatoria debido á súa forma. Basta con substituir a palabra dubidosa pola súa correspondente de xénero oposto para saber se se trata ou non dunha construcción sexista. Segundo a guía, a utilización dunha linguaxe non sexista debe implantarse á hora de nomear cargos e postos, denominación do funcionariado, circulares internas, ofertas de emprego, concursos e oposicións, recomendacións, ordes, títulos, carreiras profesionais ou rotulación, entre outras tantas. Con este fin, a guía fai un percorrido polo emprego dos substantivos xenéricos, o uso de ambos xéneros gramaticais, as alternativas ao uso de "home", a forma de nomear aos cargos e profesións, tratamentos e orde das palabras, as formas impersonais e o emprego de barras nas mensaxes. Trucos e recomendacións na aposta pola igualdade de xénero e a non discriminación das mulleres no ámbito laboral ou social.
Descargar todas as imaxes