Escoitar

Aberta a matrícula na Escola Municipal de Danza

Os que desexen apuntarse nos diversos cursos deberán presentar as súas solicitudes nas dependencias da escola, situada na Casa do Concello, a partir do mércores día 8 de setembro. O número total de prazas ofertadas será de 611, para un máximo de 34 grupos.

martes, 7 set 2004
1094552289logodanza.jpg
Os prezos da matrícula son de 24 euros (dúas horas semanais), 18 euros (unha hora e media) e 12 euros (unha hora á semana, para os cursos de percusión). A única condición para solicitar as prazas é a de estar empadroado en Vigo, o que será acreditado polos solicitantes de inscrición mediante un volante de empadroamento.

As ensinanzas de danza tradicional galega impartiranse nas dependencias centrais da EMD e nas diferentes seccións. A oferta total na Escola Central será de un total de 20 grupos, número que poderá ser modificado segundo as solicitudes presentadas. O programa abarcará os seguintes cursos:
- "Iniciación", alumnos de 4-5 anos: 3 grupos, 36 prazas
- "Formación básica", alumnos de 6-7 anos: 2 grupos, 30 prazas
- "Danza para escolares", alumnos de 8-15 anos: 5 grupos, 100 prazas
- "Danza xuvenil e de adultos", alumnos de máis de 16 anos: 5 grupos, 100 prazas
- "Grupo instrumental (percusión)", alumnos de máis de 16 anos: 3 grupos, 45 prazas
- "Grupos de ampliación": 2 grupos, 40 prazas. Reservados para ampliar a oferta en calqueira dos niveis.

As seccións da Escola Municipal de Danza está composta de un total de 14 módulos formativos que pretenden a descentralización deste servizo que oferta o Concello de Vigo e estarán situados en locais diferentes aos da escola central, a establecer pola concellería de Festas e Animación Sociocultural. O programa nas seccións inclúe:
- "Música e movemento" (4-7 anos): 7 grupos (máximo de 15 alumnos cada un), 105 alumnos
- "Danza para escolares" (8 anos ou máis): 7 grupos (máximo de 20 alumnos cada un), 140 alumnos.
A oferta total para as sección será, polo tanto, de 14 grupos co fin de cubrir as 245 prazas ofertadas.

A Escola Municipal de Danza do Concello de Vigo ven funcionando dende o ano 1980 e, dende aquela, moitos vigueses aprenderon e familiarizáronse coas danzas tradicionais galegas, transmitindo, así, o floclore da terra que os viu nacer.

Entre os festivais e actividades organizados pola EMD estarían o "Festival na punta do pé", "Festival dos reencontros", "Día da Muiñeira", "Festival Folclórico Concello de Vigo", "Mostra do Traxe", "Enxalzamento do traxe" ou as "Xornadas de música e danza tradicionais", entre outras.

Os interesados poden conseguir máis información sobre horarios, prezos e matrícula no teléfono 986-810167 ou na súa páxina web.
Descargar todas as imaxes