Escoitar
Anuncio

Convocatoria para o ano 2004 do programa "Programa de axudas municipais á contratación" no marco do plan municipal de emprego 2004-2007

A Xunta de Goberno Local, na súa sesión de data 31/05/2004, por proposta da Concellaría de Desenvolvemento Local e Emprego, aprobou as bases reguladoras da convocatoria do ano 2004 do "programa de axudas municipais á contratación", no marco das actuacións do Plan municipal de emprego 2004-2007.

venres, 11 xuñ 2004
OBXECTO:
Conceder axudas a empresas privadas (independentemente da súa forma xurídica) e entidades distintas da administración pública, que contraten "Persoas desempregadas da Bolsa de emprego da Concellaría de Desenvolvemento Local e Emprego". As subvencións establecidas nesta convocatoria poderán afectar ás contratacións que, reunindo os requisitos establecidos nas bases reguladoras, se formalizasen no período comprendido entre o 1 de setembro de 2003 e o 31 de agosto de 2004.

CONTÍA DAS AXUDAS:
Axudas á contratación temporal a xornada completa

Contratos cunha duración mínima dun ano, ata 1.500,00 € por contrato e cunha duración mínima de seis meses, ata 750,00 € por contrato.

Se a persoa contratada pertence a un colectivo con dificultades de acceso ao mundo laboral (muller, discapacitado/a, parado/a de longa duración, maior de 45 anos ou menor de 25 anos) a contía poderá incrementarse en 120,00 € se o contrato é dun ano e 60,00 € se o contrato é de seis meses.

Axudas á contratación temporal a xornada parcial

Neste caso, o importe da subvención será proporcional á xornada laboral do contrato (tanto para os de duración mínima de 6 meses como para os dun ano).

Nos contratos temporais a xornada parcial o incremento da contía da subvención por pertencer a un colectivo de persoas con dificultades de acceso ao mundo laboral será proporcional á xornada de traballo.


PRAZOS E LUGAR DE PRESENTACIÓN:
O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de agosto de 2004.

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Vigo, dirixidas á Comisión de Valoración e Seguimento do programa de "Axudas municipais á contratación" da Concellaría de Desenvolvemento Local e Emprego.

INFORMACIÓN:
Concellaría de Desenvolvemento Local e Emprego. Praza do Rei s/n (4ª planta).
Tfno.: 986 81 02 32; Correo electrónico: ofi.emprego@vigo.org
Tanto as bases reguladoras das axudas como os anexos que ten que presentar o/a solicitante, estarán á súa disposición no Rexistro Xeral do Concello de Vigo e na páxina web da concellaría: http://emprego.vigo.org