Escoitar

O Concello e a rede de mulleres veciñais colaboran na loita contra os malos tratos

A concelleira de Muller, Lucía Molares, asinou hoxe un convenio coa Asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo para apoiar as accións na loita contra os malos tratos que este colectivo de recente creación ven desenvolvendo.

mércores, 12 mai 2004
1084360859mullered.jpg
Fontaiña,Molares e Martínez
O Concello de Vigo colaborará con 6.000 euros nas accións de apoio e acompañamento ás mulleres no proceso de concienciación e ruptura cos malos tratos que realiza o colectivo. A concelleira destacou que o convenio "vai facilitar o desenvolvemento do traballo da rede, que consiste en prestar apoio ás mulleres e traballar codo con codo cos servicios de información á muller". "Todos os esforzos son necesarios para concienciar á sociedade sobre os malos tratos e ofrecer alternativas", indicou Lucía Molares, quen fixo un chamamento para que todas as mulleres denuncien este tipo de situacións.

A presidenta da Rede de Mulleres, Josefa Martínez, e a coordinadora desta asociación, Rosa Fontaiña, destacaron o importante traballo que realizan as mediadoras da rede coas mulleres e aseguraron que "cantos máis medios e recursos se poñan ao noso alcance, máis mulleres se animarán a denunciar os malos tratos".

A Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos apoia e acompaña ás mulleres no proceso de concienciación e ruptura cos malos tratos. Prestan labores de atención, orientación, acompañan ás mulleres en todos os trámites que desexen denunciar e fan un seguimento dos casos atendidos.

Curso de Mediadoras

Por outra banda, a concelleira da Muller asistirá este serán na Casa das Mulleres á entrega de diplomas ás persoas que realizaron o curso de Mediadoras en malos tratos. Este curso consistiu en varias xornadas de formación (14, 19 e 21 de abril). O primeiro ciclo contou cunha xornada na que participaron as forzas de seguridade (Policía Nacional, Local e Autonómica e Garda Civil), outra xornada cunha xuíza, un fiscal, unha avogada e unha sicóloga e a última cunha traballadora social e a directora da Casa de Acollida.

O segundo ciclo realizouse durante os días 26,28 de abril e 3 de maio e nel participaron todas as persoas que despois do 1º ciclo manifestaron o seu desexo de colaborar na Rede de Mediadoras.
Descargar todas as imaxes