Escoitar

O Concello incrementará a atención ós maiores que viven sos a través da teleasistencia e fortalecerá a axuda no fogar

O Goberno local incrementará as prazas de atención a través da teleasistencia para tódolos maiores vigueses que viven sos e fortalecerá, con máis prazas, a axuda no fogar. Así o anunciou hoxe a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, durante a inauguración do novo centro de atención a persoas maiores "Bembrive", dependente da Xunta de Galicia. A alcaldesa destacou ademais o compromiso do Goberno de aborda-la dependencia das persoas maiores coa creación de dous centros de día que se sumarán ó que hoxe se puxo en marcha nesta residencia, e ó que se inaugurará dentro dun ano en Barreiro.

martes, 20 abr 2004
Corina Porro destacou que a posta en marcha do centro de atención ós maiores na parroquia de Bembrive supón 154 prazas residenciais mais a disposición dos vigueses e que, no vindeiro ano, coa posta en marcha da residencia de Barreiro, sumarán 354.

A rexedora viguesa indicou que, atendida a dependencia coma primeiro obxectivo da política social municipal a favor das persoas maiores, "impulsaremos programas de formación, de hábitos de vida saudables, de prevención e de ocio e tempo libre" como "O Sentir de Vigo", que se iniciou recentemente. Un conxunto de programas que, segundo dixo Corina Porro, deséñanse no marco do Plan Municipal de Persoas Maiores no que o goberno está a traballar.

A alcaldesa manifestou que a inauguración da nova residencia de maiores "é unha boa noticia para Vigo", e destacou que as políticas sociais que se deseñen "contemplarán o maior desafío ó que nos enfrontamos neste campo: a dependencia".

Discurso da alcaldesa

Excelentísimo Señor Presidente da Xunta de Galicia, Excelentísima Señora Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Señor Director Xeral de Caixa Galicia, señoras e señores.

Mellorar as condicións de vida das persoas maiores, promover a súa plena participación social, ofrecerlles protección fronte á dependencia, fomentar a investigación xerontolóxica e reforzar a cooperación administrativa entre institucións, foi nos últimos anos parte importante da política social do Presidente da Xunta de Galicia. E seino ben porque tiven a oportunidade e a honra de participar no seu goberno. Por iso este acto de inauguración é particularmente especial para mín.

O Plan Galego de persoas maiores, que con extraordinaria competencia está a desenvolver a Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, permitirá cubrir importantes necesidades de moitas persoas maiores viguesas e, por extensión, de moitas persoas maiores galegas.

Así, e dende unha perspectiva global das necesidades dos maiores, resulta obrigado sinalar a consolidación do noso sistema de seguridade social.

Porque son moitas as consideración que se deben realizar cando falamos de persoas maiores. Garantir as súas pensións é, ademais dunha obriga, un feito. Por iso agora debe abordarse, a través do diálogo social, novas formulacións para ofrecer unha atención que observe as condicións cambiantes propias dunha sociedade desenvolvida como a nosa, que evidencia realidades como o envellecemento da poboación, o cambio no modelo de familia e a incorporación da muller ó mercado de traballo. Neste labor resulta decisiva a coordinación entre institucións.

Dende o Concello de Vigo queremos, tamén, desenvolver ó máximo as nosas competencias.

Así, o goberno local incrementará as prazas de atención a través da teleasistencia para tódolos nosos maiores vigueses que viven sós e fortalecerá, con máis prazas, a axuda no fogar.

Enfrontaremos a dependencia coa creación de dous centros de día que se sumarán ó que hoxe se pon en marcha nesta residencia e ó que se inaugurará dentro dun ano en Barreiro.

Hoxe son 154 (Cento cincuenta e catro) prazas residenciais máis a disposición dos vigueses. No próximo ano, coa posta en marcha da residencia de Barreiro, sumarán 354 (Trescentas cincuenta e catro).

Así, atendida a dependencia como primeiro obxectivo da política social municipal a favor das persoas maiores, impulsaremos programas de formación, de hábitos de vida saudables, de prevención, de ocio e tempo libre como "O sentir de Vigo" que se iniciou recentemente.

Este conxunto de programas deséñanse no marco do Plan Municipal de Persoas Maiores no que xa estamos a traballar.

A inauguración desta residencia é unha boa noticia para Vigo. Estou segura dos enormes esforzos que se están a realizar a favor das persoas maiores. Tamén estou convencida de que as políticas sociais que se deseñen contemplarán o maior desafío ó que nos enfrontamos neste campo. A dependencia.

Remato. Pero non sería xusto facelo sen agradecer o esforzo solidario que os veciños de Bembrive e a súa Entidad Local Menor realizaron por Vigo. Sen o seu compromiso, a súa axuda e a súa xenerosidade hoxe non houbéramos podido reunirnos aquí.

Neste recoñecemento é necesario, tamén, agradecer ó concelleiro de patrimonio da anterior corporación municipal os seus esforzos para que o que entón era un proxecto, hoxe sexa unha realidade: esta fermosa residencia para persoas maiores en Vigo.

Moitas gracias.