O descenso urbano do Marisquiño percorrerá o corazón da cidade o 8 de agosto
O alcalde puxo en valor a proba “máis espectacular” do festival de cultura urbana e deportes de acción que discorrerá polo Casco Vello, con saída desde O Castro e chegada á terraza do Centro Comercial A Laxe.
O MTB Downtown, o descenso urbano en mountain bike volverá ser este 2026 unha das probas icónicas do Marisquiño. A competición celebrarase o sábado 8 de agosto e volverá converter o centro histórico de Vigo nun circuíto de descenso urbano, cun percorrido que parte da fortaleza do Castro, serpea polo Casco Vello e finaliza na terraza do Centro Comercial A Laxe, onde se presentou este martes a proba.
Abel Caballero convidou a todo o mundo a achegar a presenciar o descenso porque é “imposible ver algo así noutro sitio. É o máis espectacular do Marisquiño e todo o mundo ten que velo: hai sitios apropiados para facelo”. Destacou o rexedor a particularidade desta proba que “empeza en montaña e acaba en urbano e no mar”, un percorrido “complicado” que se foi perfeccionado co paso do tempo e que trae á cidade no “espectáculo máis extraordinario de deportes urbanos”.
O rexedor destacou a colaboración de Zona Franca e do Centro Comercial A Laxe para poder desenvolver esta proba. David Regades, delegado de Zona Franca, puxo en valor o Marisquiño como un evento que “impulsa a nosa cidade. O mundo do ocio é parte da economía, que cada vez ocupa máis espazo en Zona Franca, ademais de ser un apoios á economía e a sectores emerxentes”.
Na presentación deste martes participaron tamén a xerente do centro de lecer A Laxe, Olga Gonzálvez; o director do Marisquiño, Joako Ezpeleta; o responsable da proba MTB Downtown, Guillermo Janeiro; e Javier Alcalde, director xeral de Óptima Global Services (OGS).
O MTB Downtown converteuse nun dos sinais de identidade do Marisquiño e unha das citas máis singulares do calendario internacional. Nunha disciplina que ten o seu terreo natural na montaña, a proba viguesa traslada a adrenalina do downhill ao corazón histórico da cidade e converte a súa topografía e o seu patrimonio en parte esencial da competición.
“Poucas competicións explican tan ben o espírito de Marisquiño como o MTB Downtown, pola súa conexión entre o deporte extremo de máximo nivel e o corazón da cidade de Vigo. A súa singularidade e o seu gran impacto visual convertérono nunha das probas máis icónicas do festival, seguida cada ano desde moitos recunchos do mundo”, destacou na presentación Joako Ezpeleta, director do evento.
Como en cada edición, o MTB Downtown 2026 reunirá en Vigo a algúns dos mellores especialistas nacionais e internacionais nesta disciplina, en categorías masculina e feminina. O formato será individual e contrarreloxo: os participantes tomarán a saída de forma independente e deberán completar o trazado buscando o mellor tempo.
O MTB Downtown 2026 partirá da contorna da fortaleza do Castro, o punto máis alto do centro urbano e orixe histórica da cidade. Desde alí, os riders iniciarán un descenso vertixinoso por un trazado que atravesará as ladeiras do monte O Castro, pasando polo Monumento aos Galeóns de Rande e baixando a escalinata. Continuará cara á Praza do Rei e enlazará co Paseo de Alfonso XII. Desde ese punto, a proba adéntrase no Casco Vello pola rúa Elduayen e baixa polas rúas Caracol e Méndez Núñez, antes de pasar pola Praza da Igrexa e a Praza da Pedra. No tramo final, os riders atravesarán a espectacular pasarela que conecta o Casco Vello coas terrazas superiores da Laxe, situada a máis de 17 metros de altura sobre a rúa. O percorrido continuará por esa mesma pasarela, que descende entre os dous edificios do centro ata o nivel do mar, cunha última curva de 180 graos a poucos metros do arco de meta. O trazado, dun quilómetro de distancia e 135 metros de desnivel, combina a característica arquitectura urbana do Casco Vello de Vigo con estruturas deseñadas especificamente para a competición.
O Marisquiño 2026, que se celebrará en Vigo do 6 ao 9 de agosto, volverá reunir deportes de acción, cultura urbana, música, arte e actividades para todos os públicos. O festival contará con competicións de Skate, BMX, Basket 3x3, Breaking e BMX Flatland, alén de exhibicións de Big Air e Freestyle Motocrós. Profesionais e afeccionadas de máis de 30 países participarán nunha programación que terá de novo a praia de Samil como epicentro. O prazo para inscribirse nas competicións deportivas abrirase o próximo 4 de xuño. Toda a información estará dispoñible na páxina web oficial do festival.