O Concello abre o período de solicitude de praza para novo alumnado da EMAO
O alcalde anima á cidadanía viguesa a iniciar a aprendizaxe dalgunha das dez especialidades da Escola Municipal de Artes e Oficios que, lembra, é “totalmente gratuíta”.
Desde o luns 22 de xuño e ata o venres 4 de setembro estará aberto o prazo para que o novo alumnado da Escola Municipal de Artes e Oficios solicite unha praza para formarse nunha das dez especialidades do curso 2026-2027: Artesanía en coiro, Construción artesanal de instrumentos musicais, Cerámica artística, Debuxo artístico, Deseño e encaixe de palillos, Moda e confección, Ourivería, Pintura, Serigrafía artística e Talla e escultura en madeira.
Tal e como informou o rexedor este martes, está en marcha o calendario do novo curso, coa apertura do período de solicitude de novas prazas así como da matriculación do alumnado apto no curso pasado, o 2025-2026, que poderán facelo o mércores 8 de xullo.
O Concello inviste na Escola Municipal de Artes e Oficios 1.373.456 euros anuais, sendo unha formación 100% subvencionada; completamente gratuíta para o estudantado.
Caballero sinalou que o orzamento total das catro escolas municipais de ensinos artísticos é de case 2,5 millóns de euros anuais, cunha subvención que vai desde un mínimo do 85% ata a gratuidade total: “Queremos que a cidadanía viguesa, mozas e mozos, acudan as escolas municipais, que se animen e matriculen para a súa formación e aprendizaxe”.
No curso 2025-2026 as escolas municipais de ensinanzas artísticas sumaron 1.751 alumnos: 532 na EMAO, 491 na ETRAD, 479 na Escola de Música, 157 na Escola de Teatro e 92 na Escola de Danza.