Escoitar

O Goberno local facilita alternativa habitacional a 32 persoas vulnerables

O alcalde participou na comisión seguimento do programa municipal de intermediación de vivenda que facilita o acceso ao alugueiro a familias con dificultades.

mércores, 13 mai 2026

Segundo explicou Caballero, desde a posta en marcha do servizo conseguiuse ofrecer solución habitacional a 32 persoas, entre elas 19 adultos e 13 menores. O alcalde puxo en valor que o programa non se limita a atopar unha vivenda, senón que incorpora un seguimento social continuado para apoiar ás familias unha vez acceden ao recurso habitacional.

Neste sentido, o rexedor destacou que, segundo as necesidades detectadas, as persoas usuarias poden acceder tamén a programas municipais de emprego e formación, así como aos servizos de infancia e familia no caso de unidades familiares con menores a cargo. “Facilitamos o acceso á vivenda cunha bolsa de inmobles en alugueiro para persoas e familias con dificultades”, incidindo no carácter integral da intervención social desenvolvida polo Concello. 

O programa conta cun investimento de 229.000 euros e ten como obxectivo facilitar alternativas para vivir a persoas e familias con dificultades de acceso ao alugueiro. O servizo realízase a través da ONG Provivienda que resultou adxudicataria do contrato.

Descargar todas as imaxes