Escoitar

Caballero e o reitor da UVigo abordan o Observatorio da Vivenda

O alcalde e Manuel Reigosa mantiveron unha xuntanza para abordar cuestións relativas ao convenio entre o Concello e a Universidade. O Concello inviste 45.000 euros e será a UVigo a que leve adiante o desenvolvemento.

martes, 23 dec 2025

O novo observatorio terá como obxectivo principal realizar un diagnóstico continuo do mercado da vivenda na cidade, permitindo un coñecemento rigoroso e actualizado da súa situación e evolución. Entre as súas funcións destaca a monitorización permanente do mercado, así como a proposta de medidas de corrección, sempre precedidas dunha avaliación técnica da súa idoneidade.

Segundo explicou o alcalde, o observatorio analizará o stock de vivenda existente, a súa localización e estado de conservación, os usos do solo que compiten co residencial, a evolución dos prezos e da porcentaxe de renda que as familias destinan á vivenda, así como a avaliación das políticas públicas desenvolvidas polas distintas administracións neste ámbito.

Para garantir o correcto funcionamento e seguimento do proxecto, crearase unha comisión de seguimento integrada por catro membros, dous en representación do Concello de Vigo e dous da Universidade de Vigo.

Abel Caballero, con respecto ás políticas doutras administracións, lamentou que a Xunta de Galicia estea a construír soamente “pouco máis de 250 vivendas” nunha cidade como Vigo de 300.000 habitantes e instou ao goberno autonómico a crear na cidade un parque público de máis de 4.000 vivendas, que tería que ter feito desde o ano 2009.

Descargar todas as imaxes