A Policía Local imparte cursos de seguridade persoal para empregadas municipais
O alcalde achegouse ata o ximnasio municipal para coñecer as actividades que se están a desenvolver en materia de seguridade e defensa persoal. A iniciativa ten como obxectivo reforzar a prevención e a protección fronte a situacións de risco e violencia de xénero.
As formacións corren a cargo de axentes mulleres da Policía Local de Vigo. Os cursos céntranse no desenvolvemento de habilidades de prevención, autoprotección e reacción ante posibles situacións de perigo. Entre os contidos inclúense técnicas de disuasión para evitar conflitos, interpretación adecuada do contorno cidadán, control emocional, posturas de defensa e golpes básicos de autodefensa.
Abel Caballero destacou que esta iniciativa supón “unha medida máis de prevención da violencia de xénero”, ao dotar ás mulleres de ferramentas prácticas para afrontar situacións de risco e reforzar a súa seguridade persoal.
Nunha primeira fase, os cursos están dirixidos ás traballadoras do Concello de Vigo, aínda que o alcalde avanzou que está previsto estender esta formación a outras traballadoras, como condutoras de autobuses e taxis, persoal sanitario e docente, así como empregadas de centros de apoio e asistencia a persoas en situación de risco e a vítimas de violencia de xénero.