O Marisquiño desvela o cartel musical desta edición con Villano Antillano ao fronte
A XXV edición do festival O Marisquiño, que este ano se celebra do 7 ao 10 de agosto, contará como unha das súas principais novidades coa apertura dun segundo escenario musical. Caballero destacou que hoxe “anunciamos artistas de orde mundial, dos que gozaremos en agosto en Samil, coas Illas Cíes de fondo”.

Samil acolleu esta mañá a presentación das novidades do cartel musical do festival O Marisquiño, que desenvolverá a súa programación no areal vigués do 7 ao 10 de agosto. O festival terá a Estrella Galicia como partner estratéxico para o crecemento da área musical os vindeiros 3 anos. Caballero animou a cidade a “reservar o fin de semana de O Marisquiño porque van pasalo íntegro aquí”.
Nesta vixésimo quinta edición, introdúcese unha nova aposta, coa instalación dun escenario dual. Un dos escenarios estará adicado a sons urbanos, alcanzando as 14 actuacións. Entre elas destaca o concerto da portorriqueña Villano Antillano, artista que revolucionou o xénero urbano coa súa colaboración con Bizarrap, que a catapultou ao Top 50 Global de Spotify.
O outro escenario estará centrado nos sons electrónicos e protagonizado integramente por artistas femininas. Neste avance de programación destaca a produtora musical ourensá Cora Novoa, quen actuará xunto a Russ e unha artista internacional que se anunciará proximamente.
Outros dos artistas confirmados son: DJ Nano (un artista cunha traxectoria internacional que alcanzou os principais escenarios do mundo); El Bug (cuxa composición musical móvese entre o pop e a electrónica pero con influencia do folk, o soul e incluso o jazz) ou Parkineos (homenaxe á rave das macrodiscotecas).