Escoitar

Vigo acolle a IX Feira de ensinanzas artísticas, profesionais e universitarias

A novena edición deste encontro celébrase o 13 e o 14 de marzo no Verbum coa presenza de 31 entidades expositoras e a participación de 40 centros escolares que se achegarán ás posibilidades formativas que ofrece a cidade.

mércores, 5 mar 2025
Foto de familia dos asistentes á rolda de prensa
Foto de familia dos asistentes á rolda de prensa

A concelleira de Educación, Olga Alonso, acompañada de Vanesa Carballido, capitana das forzas armadas, e Felipe Estévez, director do Conservatorio Mayeusis presentou este mércores a IX Feira das ensinanzas artísticas, profesionais e universitarias de Vigo, que se celebrará o 13 e 14 de marzo no Verbum, en horario de 09,00 a 14,00 horas.

A feira presentará as posibilidades da formación da cidade, desde as ensinanzas non formais ata a universitaria. Entre as múltiples especialidades presentes estarán a música, a moda, o deseño de interiores, auxiliar de voo, cociña, xoiería, medicina, forzas armadas, Policía Nacional, Garda Civil, piloto de liñas aéreas, electricidade, imaxe e son, esgrima, osteopatía, idiomas, traballo social, educador social… entre outras moitas.

Para a edil de educación, a feira “foi medrando exponencialmente e constatamos que hai interese por seguir celebrándoa. A formación é importantísima e a mocidade pode ter unha visión das posibilidades que ofrece a cidade. Colaboramos na formación das futuras xeracións e espertamos o seu interese”.

31 entidades expositoras amosarán unha variada oferta formativa coa previsión de que sexa visitada por corenta centros escolares e preto de 2.500 estudantes de Vigo, Pontevedra e Ourense. Para Vanesa Carballido, o evento supón unha “excelente oportunidade e é un grande escaparate para que estudantes, orientadores, profesores ou pais e nais coñezan de primeira man a oferta educativa da cidade”. Felipe Estévez, director de Mayeusis, valora a evolución da cita que actualmente conta cunha grande “diversidade” de oferta.

Nesta edición participan 31 entidades: Universidade Nacional de Educación a Distancia, Escola Oficial de Idiomas de Vigo de Vigo, Campus Politécnico Aceimar, Conservatorio Mayeusis, Escola Marcelo Macías, Universidade de Santiago de Compostela, Escola de Patinaxe Rock&Rolling, UTAD, TEX - MODA & GOYMAR VIGO, Escola de Esgrima FALCATA, Aula D (Gráfica Publicitaria & Interiorismo), Guardia Civil, Escola de imaxe e Son de Vigo, Escola de Pilotos AFN, Escola de Xoiería ATLÁNTICO, Escola de Canteiría de Pontevedra, Escola de peluquería ONDAS & PERFIL, Escola de Auxiliares de voo AIR HOSTESS, Universidade Europea, Escola Europea Parasanitaria, Plan Conector (estancia estudos +idiomas no estranxeiro), Escola Cociña Harina Blanca, Policía Nacional, Universidad Internacional de la Empresa (Abanca), IES 1° de marzo- Baiona, Forzas Armadas, IES Ricardo Mella, Colegio Hogar, En Lingua de Signos, Fillas de María Inmaculada e o Centro Superior de Hostalería de Galicia.

Descargar todas as imaxes