Escoitar

O goberno local amplía as actividades para maiores xunto á Fundación España Activa

O Concello colabora co Consello Superior de Deportes e a Fundación España Activa na estratexia nacional do fomento do deporte contra o sedentarismo e a inactividade física no marco 2025-2030. As actividades comezarán o 31 de marzo e desenvolveranse ao aire libre na Alameda de Bouzas, praza da Independencia e a peonil do Calvario.

mércores, 5 mar 2025

Vigo recibirá este ano, de marzo a xuño durante doce semanas, clases gratuítas de actividade física enmarcadas no programa "Empeza por ti, activa a túa vida". Están destinadas a persoas de 50 anos en adiante que leven unha vida sedentaria e tamén a persoas con discapacidade que poden acudir acompañadas.

A concelleira de Benestar Social, Yolanda Aguiar, xunto ao representante da Fundación España Activa, Alberto García, informaron que estas accións desenvolveranse na Alameda de Bouzas, a Praza Independencia e a peonil do Calvario. A edil viguesa agradeceu a elección de Vigo para a posta en marcha deste programa que "encaixa" coas accións municicipais desta área e "fomenta a relación e socialización das persoas maiores con outras persoas e coa veciñanza da contorna, ademais de romper situacións de soidade non desexada". Amais, será "accesible para persoas con algún grao de discapacidade".

O Concello, en colaboración coa Fundación España Activa e o Consello Superior de Deportes, organizarán seis clases por semana, con quendas de 25 persoas, o que supón que esta acción incidirá directamente en 1.800 viguesas e vigueses.

Para Alberto García, xerente da Fundación España Activa, proxectos coma este son fundamentais para que a cidadanía se achegue ao deporte dunha maneira inclusiva e accesible. "É crucial facilitar ás persoas diversas formas de incorporar o exercicio físico á súa vida diaria, sen barreiras e de forma entretida, para fomentar hábitos saudables que perduren ao longo do tempo".

Un profesor ou profesora con cualificación na materia impartirá as clases, dunha hora de duración cada unha, nos tres puntos da cidade:
• Alameda Suárez Llanos, en Bouzas. Luns e xoves, de 10:00 a 11:00 horas.
• Praza da Independencia. Luns e xoves, de 11:30 a 12:30.
• Peonil do Calvario. Mércores e venres, de 11:00 a 12:00.

A actividade deseñada é un “adestramento multicompoñente”. Engloba exercicios de resistencia, flexibilidade, equilibrio e forza.

Cada hora de clase divídese en dúas partes, unha de mobilidade articular, estabilidade e equilibrio, e outra de coordinación e estiramentos dinámicos e circuíto de forza funcional. Tamén se realizará un traballo de diferentes grupos musculares con distintas intensidades para que todos poidan facelo, terminando con exercicios de relaxación e estiramentos. O programa está planificado para adultos con estilo de vida sedentario, co fin de que todas as persoas participantes sexan quen de completalo.

O Concello xa dinamiza diferentes actividades físicas para persoas maiores ao longo do ano.  Esta colaboración chega a través do Consello Superior de Deportes, que forma parte do consello asesor da Fundación España Activa. O 28 de setembro pasado, a Porta do Sol foi escenario da Semana Europea do Deporte, noutra actuación do Concello co CSD e España Activa.

En xaneiro, o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes publicou a Estratexia Nacional do Fomento do Deporte contra o Sedentarismo e a Inactividade Física 2025-2030, avalado por expertos en Saúde, Educación e Deporte.  Este programa Empeza por ti – Activa a túa vida entra dentro desas liñas de actuación.

Descargar todas as imaxes