Abel Caballero avanza unha nova batería de obras de mellora no Auditorio de Castrelos
O alcalde avanzou hoxe a aprobación da redacción do proxecto das novas obras para mellorar as instalacións do Auditorio de Castrelos. “Queremos seguir mellorando o espazo de Castrelos para seguir tendo os mellores concertos do mundo”, asegurou o rexedor.
O alcalde explicou este martes que a próxima intervención en Castrelos se centrará na reparación dos sotos norte e sur, así como na instalación dun sistema de alarma na zona cuberta para detectar a presenza de intrusos. A estas obras sumaranse as que se realizarán na cuberta das edificacións, e a análise dun sistema de torres para adecuar mellor a estrutura.
Caballero indicou que se procederá a revisar integralmente o edificio de pedra, e que tamén se mellorará o chan e o espazo de carga para facilitar a instalación dos grupos musicais.
Entre os proxectos de mellora de Castrelos tamén se atopa a construción dun baño adaptado e o cambio das bombas de achique para previr inundacións.