Escoitar

O Concello aproba o contrato da atención sanitaria de CEDRO e o novo tellado do albergue municipal

A Xunta de Goberno de Vigo aprobou hoxe o contrato do servizo sanitario da Unidade Asistencial de Drogodependencias CEDRO. Cunha duración de dous anos, conta cun valor de 952.000 euros por exercicio, segundo avanzou hoxe o alcalde, que afirmou que ante o “manifesto incumprimento” da Xunta a asumir a atención sanitaria a persoas con adiccións que se presta en CEDRO, o Concello seguirá prestándoa. Entre os acordos tamén se atopa a renovación do tellado do albergue municipal.

venres, 11 out 2024

Abel Caballero incidiu en que co contrato aprobado este venres, o Concello facilita atención “gratuíta, confidencial e multidisciplinar” aos usuarios de CEDRO.

O rexedor recalcou que o Concello facilita os coidados sanitarios que lle corresponden á Xunta de Galicia. “Correspóndelle e é obriga” do goberno autómico, “que leva anos evitando ter que pagar o servizo de CEDRO porque, sinxelamente, non queren, e por iso o paga o Concello”.

O alcalde incidiu en que o Concello destina 600.00 euros pola “atención sanitaria a persoas con adiccións que tería que atender a Xunta, pero como eles non o fan levamos décadas facéndoo nós”, incidindo en que a administración galega concatena catro anos de negativa a pagar “como lle corresponde" polo que Vigo “financia á Xunta” nun importante número de servizos á cidadanía.

Obras de mellora no albergue

O goberno aprobou hoxe a contratación das obras para executar o proxecto de renovación do tellado do Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social, CIIES, do Concello. Cun investimento de 240.000 euros, a intervención mellorará a eficiencia enerxética do edificio. Caballero, tras lembrar que Vigo é a única cidade de Galicia que conta cun albergue, apuntou que o Concello lle dedica 1.100.000 euros ao ano a pesar de que tamén se trata dunha competencia da Xunta, xa que acolle a persoas de fóra da cidade.

Descargar todas as imaxes