Escoitar

O goberno local renova o seu apoio ás organizacións que traballan polos dereitos das persoas con problemas de saúde mental

O Concello avanza na presentación do cuarto “Plan local de adiccións con e sen substancias”, ademais de traballar en “medidas públicas de impacto” para abordar os trastornos de conduta e os problemas de saúde mental provocados polo uso das novas tecnoloxías. Así o avanzou este xoves a concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, ante os participantes no acto de conmemoración do “Día Mundial da Saúde Mental”, celebrado co lema “Traballo e saúde mental, un vínculo fundamental”.

xoves, 10 out 2024

A edil de Política Social reclamou hoxe a todas as administracións, especialmente á sanitaria, “traballar ao unísono para afrontar a nova pandemia mundial” que representa a saúde mental porque “está a ser un problema de auténtica emerxencia de saúde pública”.

Yolanda Aguiar lembrou que, próxima a finalizar a estratexia de saúde da administración galega, os centros de Atención Primaria seguen esperando aos prometidos psicólogos clínicos, como fixa o “Plan Galego de Saúde”, xa que só existen sete profesionais para toda Galicia.

“Temos que reivindicar que ter un problema de saúde mental é unha enfermidade como outra calquera, desestigmatizalo, pero tamén dotalo de recursos para que unha persoa non teña que esperar 6 meses para contar cunha atención profesional”, reclamou Aguiar.

A concelleira reiterou o apoio do goberno municipal de Vigo ás asociacións que traballan a favor da saúde mental, á vez que apoiou o a reclamación para que as contornas laborais “sexan lugares nos que se potencie o benestar, sexan lugares inclusivos e respectuosos coas persoas con problemas de saúde mental”.

Descargar todas as imaxes