A fortaleza do Castro, escenario o domingo 13 da representación do asedio á vila de Vigo en 1719
A fortaleza do Castro será escenario o vindeiro domingo 13 de outubro da primeira representación teatral do asedio de 1719 á vila de Vigo por parte da Armada inglesa. Enmárcase no programa de actividades co que o Concello avanza na posta en valor das recuperadas murallas, segundo recalcou este venres Abel Caballero. “Poñemos en valor a rehabilitación e a marabilla que son as murallas do Castro”, afirmou o alcalde.
Abel Caballero anunciou hoxe que o programa deseñado polo Concello para poñer en valor a fortaleza do Castro inclúe unhas xornadas anuais teatralizadas para recrear o asedio e resistencia da cidadanía de Vigo ao ataque da Armada inglesa rexistrado en 1719.
Esta iniciativa comezará o domingo ás 17,00h coa representación que trasladará ao público a un escenario europeo do século XVII. Os actores interactuarán co público. Ademais, haberá música en directo e efectos sonoros xerados artesanalmente para reproducir o son do impacto das balas e das explosións producidas polos ingleses.
O alcalde explicou que o programa de posta en valor da Fortaleza de O Castro inclúe, ademais, visitas guiadas ao recinto defensivo, así como percorridos virtules didáctivos e consultorio arqueolóxico en liña.
As persoas interesadas poden dirixir unha solicitude á dirección de correo electrónico ofi.ph@vigo.org