O Concello inviste máis de 700.000 euros na mellora da rede de abastecemento e saneamento
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o proxecto de renovación da rede de saneamento da rúa Silvana e a tramitación dos expedientes de renovación do abastecemento de Xulián Estévez e da mellora do saneamento de Sabaxáns.
Abel Caballero deu conta este venres dos acordos da Xunta de Goberno Local que suman un investimento de máis de 718.000 euros en diferentes obras. Quedou aprobado o proxecto de renovación da rede de saneamento na rúa Silvana, que ten un prazo estimado execución de obras de 5 meses.
Tal e como explicou, a rúa Silvana ten unha acusada pendente, de máis do 10%, e precisa renovar a rede de saneamento que recolle de forma unitaria augas fecais e pluviais “unha herdanza do pasado”. Estas circunstancias ocasionan desbordamentos que afectan ás vivendas lindeiras polo que se instalará unha rede separativa. “Queremos evitar as molestias ás vivendas e facer unha separación ecolóxica e medioambientalmente sostible”, sinalou o alcalde.
As actuacións inclúen a instalación dun novo colector de PVC para augas pluviais e outro para augas residuais, renovando tamén a condución de abastecemento, repoñendo o pavimento do vial e as escaleiras actuais de acceso ás vivendas, dotándoas de varandas e renovando as escaleiras e a rampla situadas na parte alta.
Ademais, a Xunta de Goberno Local deu conta da tramitación do expediente de renovación do abastecemento da rúa Xulián Estévez cuxo proxecto, xa aprobado, ten un orzamento de 332.000 euros e un prazo execución de 5 meses. Nos últimos meses producíronse “serios problemas na rede de abastecemento” de Xulián Estévez e da contorna de Guixar polo que a obra permitirá a renovación da rede de abastecemento, de saneamento e a reposición dos pavimentos afectados.
Quedou visto tamén o expediente de mellora do saneamento da rúa Sabaxáns en Lavadores que, cun orzamento de 61.000 euros e un prazo estimado de execución de 5 meses, “permitirá evitar que o colector actual desborde” en momentos de choivas fortes. Caballero informou dos problemas de capacidade que sofre a rede que recibe augas procedentes da rúa Manuel Álvarez. As obras permitirán solucionar estes problemas cun novo tramo de colector de 125 metros de lonxitude.
A previsión do goberno municipal é que as tres obras comecen no mes de setembro.
Vigo Vertical e humanizacións
Abel Caballero informou esta mañá de tres futuros proxectos, nos que colabora a Deputación de Pontevedra, cun importe total de 6.245.866,88€. Destacou que “seguimos dando pasos importantes” para a realización destas actuacións, que inclúen novos elementos do Vigo Vertical, así como humanizacións.
Como detallou o rexedor: o ascensor entre Jacinto Benavente e Torrecedeira, conta cun importe de 1.148.557,71 €; as ramplas mecánicas na rúa Pintor Colmeiro (entre Álvaro Cunqueiro e Tarragona), que terá unha inversión de 2.826.209,35 € e a humanización de San Roque (entre Gregorio Espino e Ruiseñor), a que se destinarán 2.271.099,82 €.