O luns 8 de xullo saen á venda as reservas para o concerto de Dani Fernández
Abel Caballero avanzou que este ano o proceso “contará con moitas novidades”, destacando que “as reservas presenciais este ano adquiriranse en 6 billeteiras localizadas en Castrelos”. O custe será de 10€ para cada unha das reservas.
O alcalde deu a coñecer hoxe os datos para adquirir a reserva de entradas para a platea no primeiro dos concertos do “Vigo en Festas 2024”, no que se poderá gozar da música de Dani Fernández, o vindeiro sábado 13 de xullo.
Caballero avanzou “moitas novidades” nesta edición, na que volverán a ser 5.000 as localidades que se poderán adquirir para seguir o espectáculo dende a platea. “Poñeremos 4000 reservas presenciais e 1000 en liña”, destacou o rexedor. Para facilitar o acceso de toda a cidadanía, independentemente do seu horario de traballo, as entradas sairán en dúas quendas (en horario de mañá de 9:30 a 13:00 horas e pola tarde de 16:30 a 20:00 horas). En cada quenda estarán á venda 2000 reservas físicas e 500 de xeito online. En caso de non esgotarse, as reservas volverán a saír á venda, de xeito presencial, o sábado 13 de xullo.
Outro dos cambios corresponde coa localización das billeteiras, xa que este ano as reservas presenciais retiraranse no auditorio de Castrelos. Para unha maior axilidade no proceso, haberá 6 despachos de billetes (os 2 cos que conta o auditorio e 4 adicionais).
O alcalde vigués aclarou que “cada persoa poderá retirar 4 reservas, pero este ano serán nominativas”, co que terán que acudir cunha copia do DNI (ou outro documento identificativo) das persoas para as que queiran adquirir a reserva. Finalmente, Abel Caballero anunciou o prezo das reservas de platea, que no caso do artista ciudadrealeño será de 10€.