Aitana ofrecerá “un concerto único e excepcional” en Castrelos
Abel Caballero deu a coñecer esta mañá a undécima confirmación dos concertos de verán de Castrelos: Aitana, "a artista revelación dos últimos anos en España” dará un recital o sábado 3 de agosto.
O rexedor vigués desvelou hoxe un novo concerto do Vigo en Festas 2024, será o de Aitana o sábado 3 de agosto, que como confirmou Caballero, “será o último antes das dúas datas do Bernabeu”.
Aitana saltou á fama en 2017 no programa Operación Triunfo, e converteuse nunha artista de “gran proxección internacional”. Na actualidade conta con 11,3 millóns de oíntes mensuais en Spotify e os seus temas “traspasan fronteiras”, logrando entrar nas listas de éxitos musicais de países como Arxentina e México.
A artista catalana xa é un referente do panorama musical, con colaboracións con artistas do calado de Nicky Nicole, Cali y El Dandee, Katy Perry, Rels B, Lola Indigo, Ana Mena, Sebastian Yatra ou David Bisbal, entre outros. Ao longo da súa traxectoria obtivo innumerables galardóns, como: 8 premios Los 40 Music Awards; o premio Ondas a fenómeno musical do ano en 2021 e o premio MTV Europe Music Awards á mellor artista española. Este ano debutou tamén como actriz na película “Pared con pared”.
Abel Caballero convidou a toda a cidadanía a acudir a Castrelos o vindeiro sábado 3 de agosto, xa que poderán gozar cun espectáculo “único e excepcional” por parte de Aitana. Con este xa son 11 as confirmacións do Vigo en Festas:
- Dani Fernández – 13 de xullo
- Coral Casablanca – 20 de xullo
- Luis Fonsi – 23 de xullo
- Sen Senra – 25 de xullo
- Luz Casal – 2 de agosto
- Aitana – 3 de agosto
- UB40 – 7 de agosto
- Ópera Rigoletto – 9 agosto
- Víctor Manuel - 14 de agosto
- Xoel López + Vetusta Morla – 16 de agosto
- Melendi - 17 de agosto