A Corporación urxe á Xunta a aumentar en Vigo as prazas públicas para dependentes
O Pleno da Corporación de Vigo aprobou hoxe, cos votos dos concelleiros dos grupos municipais do PSdeG-PSOE e do BNG, a moción socialista que insta á Xunta de Galicia a incrementar en Vigo as prazas públicas de centros de atención residencial, o investimento per cápita en materia de dependencia, e a activar un plan de choque para desbloquear tanto as listas para a valoración, que nestes momentos acumula 370 días de espera, como o acceso á carteira de servizos e a unha praza nunha residencia pública, que suma dous anos de espera.
“Galicia, despois de 15 anos de gobernos do PP, está no vagón de cola da dependencia. É a comunidade autónoma co gasto per cápita máis baixo, xa que se invisten 4.726 euros por persoa fronte aos case 8.000 da media nacional. Foi a comunidade onde creceu máis o atraso para acceder á dependencia”. Así describiu hoxe a situación dos dependentes galegos a concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, ao interrogar polo destino dos 135 millóns de euros inxectados pola administración central ao sistema de dependencia de Galicia. “Non foi parar nin a alixeirar as listas de espera, nin a crear máis prazas asistenciais, a mellorar as condicións dos traballadores, ou a dar máis horas de servizo no fogar, nin a mellorar a calidade dos servizos”, denunciou a edil.
Yolanda Aguiar afirmou que en Vigo aínda non se recuperou a oferta residencial de 2019, polo que a cidade acumula un déficit de 1.400 prazas.
Máis prazas para educación pública
Unanimidade no Pleno de Vigo para instar á Consellería de Educación á inversión necesaria para garantir prazas na educación pública. A concelleira de Educación, Olga Alonso, esixiu na sesión “atender adecuadamente as necesidades actuais dos centros públicos, con máis recursos por parte da administración competente, a Xunta de Galicia, que é a que establece o número de prazas, as zonas de escolarización e os criterios de admisión e planificación”.
Daniel Benavides, novo concelleiro do Grupo Popular
Daniel Benavides é desde hoxe novo concelleiro do Grupo Popular no Concello de Vigo. Benavides prometeu o cargo na sesión plenaria fronte ao exemplar da Constitución Española de 1978 do Concello. O novo edil incorpórase logo da renuncia da acta de concelleira por parte de Irene Garrido, que foi a número 2 da lista do Partido Popular nas eleccións municipais do 2023.