Escoitar

Vigo en Festas incorpora unha novidade para este verán, a ópera Rigoletto de Verdi

O alcalde anunciou que a ópera encherá o auditorio de Castrelos o venres 9 de agosto, cun aforo de 2.500 cadeiras na platea.

sábado, 25 mai 2024

Abel Caballero anunciou esta mañá “unha gran novidade” para os concertos de Castrelos do vindeiro verán, xa que terá lugar a interpretación de Rigoletto, a ópera mestra de Giuseppe Verdi. A realización “da ópera ao aire libre”, será o venres 9 de agosto.

Rigoletto é unha ópera en tres actos con música de Giuseppe Verdi, baseado na obra teatral El rey se divierte, de Victor Hugo. Trátase dun drama de paixón, engano e vinganza, no que o seu protagonista é Rigoletto, o bufón da corte do ducado de Mantua.

Foi estreada en 1851 no teatro La Fenice de Venecia. Destaca a peza «A donna è mobile», interpretada durante anos “polos mellores tenores da historia”, como Luciano Pavarotti. Forma xunto con El Trovador e La Traviata (ambas de 1853), a triloxía popular operística que compuxo Verdi a mediados da súa carreira.

O alcalde explicou que “para a súa interpretación en Castrelos non realizarán descanso, contará cunha duración de 2 horas”, xa que habitualmente na súa interpretación realizan unha parada intermedia de 25 minutos. Chegará a nosa cidade cun elenco de artistas internacionais, que deleitarán ao público cunha versión clásica da obra mestra de Verdi, pero cunha dirección escénica moderna e dinámica.

Coa chegada de Rigoletto, xa van nove confirmacións para este verán en Castrelos:

  • Dani Fernández (13 de xullo)
  • Coral Casablanca (20 de xullo)
  • Luis Fonsi (23 de xullo)
  • Sen Senra (25 de xullo)
  • Luz Casal (2 de agosto)
  • UB40 (7 de agosto)
  • Ópera Rigoletto (9 de agosto)
  • Víctor Manuel (14 de agosto)
  • Melendi (17 de agosto)

 

Descargar todas as imaxes