Escoitar

O bus turístico volverá percorrer as rúas de Vigo

O alcalde informou da súa posta en marcha “dende o sábado 1 de xuño” cun servizo que funcionará tódolos días e contará “con dúas saídas pola mañá ás 10:00 e 12:00 horas e dúas saídas pola tarde, ás 16:30 e 18:30 horas”.

luns, 27 mai 2024

O bus turístico iniciará as súas rutas o vindeiro sábado 1 de xuño, prolongándose ata o sábado 30 de setembro, para que os visitantes poidan coñecer nun percorrido de aproximadamente 90 minutos os puntos máis representativos e emblemáticos de Vigo.

Abel Caballero destacou que o servizo “contará con audio guías dispoñibles en 8 idiomas diferentes: español, galego, portugués, francés, alemán, inglés, italiano e ruso”. O bus turístico convértese nun plan idóneo para todo tipo de visitantes pero tamén nunha oportunidade para a cidadanía de Vigo de coñecer a súa cidade dende outra perspectiva.

O punto de partida será na rúa Cánovas del Castillo, realizando 3 paradas (Monte do Castro, Pazo Quiñones de León e a praia de Samil) duns 10 minutos durante o percorrido, para que os usuarios poidan baixar e realizar fotografías. O servizo, que funcionará tódolos días, contará con dúas saídas pola mañá ás 10:00 e 12:00 horas e dúas saídas pola tarde, ás 16:30 e 18:30 horas.

Descargar todas as imaxes