Escoitar

O alcalde: “Hoxe aprobamos o proxecto da nova grada de Gol do Estadio Municipal de Balaídos”

O rexedor sinalou que o importe “alcanza os 25.642.713 euros” e contará “cun prazo estimado de execución de 23 meses”, para unha grada que será “practicamente unha réplica da de Marcador”. Gol aumentará o seu aforo ata os 6.500 espectadores.

venres, 5 abr 2024

A Xunta de Goberno Local de Vigo deu luz verde esta mañá ao proxecto do nova grada de Gol do Estadio Municipal de Balaídos, por un importe de 25.642.713 euros. A nova grada será “practicamente unha réplica da de Marcador”, co cal situaráse a “tan só 8,5 metros do terreo de xogo, en paralelo á liña de fondo”, para que os espectadores teñan unha visión despexada e completa.

Abel Caballero destacou o incremento de aforo, “pasando dos aproximadamente 4.000 espectadores actuais ata os 6.500 espectadores”. Proxéctanse 6 escaleiras de amplas dimensións e 8 ascensores “que facilitan a mobilidade de forma notable”, dando servizo tamén “ás bancadas de Río e Tribuna, xerando un anel perimetral de bancadas conectadas, entre os diferentes niveis”. As butacas elixidas son as mesmas que no resto do estadio. O proxecto contempla “un tanque de almacenamento de augas pluviais para a súa reutilización co rego do céspede”.

A “gran novidade”, como exclamou o rexedor olívico, “é a creación dun novo espazo aporticado de máis de 500 metros de lonxitude, enlazando o anel de soportais de Gol e Marcador entre si, creando un novo espazo público cuberto”, o que implicará “a intervención sobre a fachada xa reformada de Tribuna”. “Estamos agardando a que a Deputación de Pontevedra firme o convenio da grada de Gol”, sentenciou Caballero, engadindo que “arrancamos xa, porque queren atrasarnos”.

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes