O alcalde compromete a renovación da rede de abastecemento da Avenida de Galicia malia os impedimentos da Xunta
Caballero denunciou este martes os “mil problemas” que impón a Xunta ao Concello para realizar a mellora na rede de saneamento e abastecemento de auga da segunda fase das obras de humanización da Avenida de Galicia, entre o Instituto de Teis e Redondela.
O alcalde explicou que a Xunta de Galicia, ademais de dificultar as obras que proxecta facer o Concello de Vigo na humanización da Avenida de Galicia, quere executar a segunda fase da reforma do vial sen renovar a rede de saneamento e abastecemento de auga. “A Xunta quere facer o que está na superficie, pero o de verdade, o que está debaixo, non quere facelo”, e por iso o Concello decidiu asumir o proxecto, segundo avanzou hoxe o rexedor.
Caballero, tras indicar que o Concello quere “mellorar a calidade da auga e evitar os problemas e dificultades que hai en toda a Avenida de Galicia co abastecemento e saneamento”, destacou os “mil problemas” que pon a administración galega para realizar a humanización. “Está a dificultarnos a obra, levamos parados unha morea de meses, esixindo requisitos que non pediu ao que fai a Xunta e, por tanto, quérenlle ensinar ao Concello e a Aqualia a poñer tubaxes”, afirmou.
O rexedor apelou á experiencia do Concello e da concesionaria na mellora de toda a rede de abastecemento e saneamento de Vigo. “Puxemos centos de quilómetros de tubaxes na cidade, todo acorde coa lei, todo ben feito, e agora vén Rueda e quérenos dicir como se poñen as tubaxes”, sinalou.
Caballero adiantou que aínda que a Xunta “non quere que fagamos a obra”, o goberno municipal de Vigo “vai facela, e non nos van a impedir que fagamos o saneamento e o abastecemento en toda a Avenida de Galicia ata Redondela”.