A remodelación da Avenida de Madrid, pendente da autorización de Patrimonio e de Augas de Galicia
O alcalde explicou este mércores que o proxecto desta obra “excepcional” xa está finalizado e foi remitido aos dous organismos co fin de que emitan a súa autorización e poida ser aprobado para iniciar os traballos.
“O convenio está asinado”, apuntou Caballero, e o proxecto de obra finalizado e remitido xa a Augas de Galicia e a Patrimonio da Xunta de Galicia para que emitan a súa autorización. Unha vez que se dispoña deses informes, o Concello poderá proceder á súa aprobación en Xunta de Goberno.
“Faltan eses informes para que se poida aprobar pero xa está asinado”, explicou o rexedor, que recoñece a demora do proxecto porque “o inicial feito por Ana Pastor era manifestamente insuficiente”, xa que o orzamento total era de 10 millóns de euros cando o orzamento actual “do Goberno de Pedro Sánchez supera os 17 millóns de euros”, dos que o Estado achega 11,5 millóns e o Concello de Vigo 5,6 millóns.
Así, o alcalde de Vigo criticou que o PP leve o proxecto de remodelación da Avenida de Madrid ao Congreso dos Deputados “cando está parado” porque faltan informes de Augas de Galicia e de Patrimonio da Xunta.