Vigo comeza os actos do 8M despregando dous murais en Praza da Princesa
As concelleiras de Igualdade, Benestar Social e Turismo sumáronse ás representantes de entidades do Consello da Muller para despregar os murais coa acción artística “pan e rosas”, símbolo do feminismo e o 8M.
Vigo deu comezo aos actos convocados polo 8M co despregue de dous murais na Casa Galega da Cultura. Ao acto asistiron as concelleiras de Igualdade, Ana Laura Iglesias; Benestar Social, Yolanda Aguiar; Turismo, María Lago e a edil Patricia Iglesias, que acompañaron a representantes das entidades que conforman o Consello da Muller.
Esta acción artística enmárcase na programación municipal con motivo do 8M, Día Internacional da Muller, que desenvolverá actividades ao longo do mes de marzo.
Con isto, quérese amosar parte da historia. O 8 de marzo de 1908 en Nueva York, foron queimadas 129 mulleres nun incendio provocado polos seus donos na fábrica Cotton Textil Factory tras declararse en folga con permanencia no seu posto de traballo. Reivindicaban a fin do traballo infantil, salarios xustos e igualdade de dereitos. O fume que expedía o edificio por mor do incendio era de cor morada debido aos tecidos que se usaban para a confección de camisas.
Amais, noutras das lonas pódese ler que o 25 de marzo de 1911, as mulleres que traballaban na Triangle Shirtwaist manifestáronse e permaneceron en folga reivindicando igualdade salarial, recorte da xornada laboral a 10 horas e condicións de traballo humanas. Por isto, foron brutalmente reprimidas. Faleceron 123 mulleres, moitas delas no incendio provocado dentro da fábrica ao estar pechadas as portas para evitar a evacuación. Historicamente, o lema “pan e rosas” usouse nas folgas e revoltas de mulleres traballadoras da industria téxtil.