Escoitar

A cidade acolle o XIV Congreso de traducción "O Ollo de Polisemo"

O Concello de Vigo colabora na organización da XIV edición do Congreso “O Ollo de Polisemo” de tradutores editoriais, que terá lugar os días 7 e 8 de marzo na Facultade de Filoloxía e Tradución, e no edificio Redeiras da Universidade de Vigo. Así o avanzaron este martes a concelleira de Política Social e Turismo, Yolanda Aguiar, e Liliana Valado, profesora universitaria e membro do comité organizador do simposio.

martes, 5 mar 2024

A edil Yolanda Aguiar detallou hoxe, durante a presentación do XIV congreso "O Ollo de Polisemo", que a décimo cuarta edición centrarase en “poñer en relación á comunidade universitaria coa parte profesional da tradución literaria”.

A profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, e membro do comité organizador, Liliana Valado, explicou que o congreso de tradución editorial está coorganizado entre a asociación de tradutoras profesionais ACTT, con sede en Madrid, e o departamento de tradución e lingüística da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Apuntou que ao longo dos dous días do simposio desenvolverase un programa co que queren expoñer “a visión profesional da tradución editorial en conxunto coa docencia universitaria de tradución. Trátase de conxugar as dúas facetas da tradución, tanto a profesional como a académica e científica”.

O programa está dirixido tanto á comunidade universitaria de profesores e alumnos de tradución e interpretación, como ao público en xeral. Contempla unha exposición con libros traducidos, que se despregará na facultade, e unha segunda sobre toponimia e humor que se instalará no edificio Redeiras. A esta actividade súmase unha mesa redonda protagonizada por tradutores profesionais que recibiron premios nacionais. Ademais, despregarase un roteiro literario cos enclaves das escenas da novela de Domingo Villar “O último barco”.

Entre os relatores do congreso atópanse Helena Cortés, galardoada co premio nacional de tradución; así como Alberto Avendaño, tradutor de poesía.

Descargar todas as imaxes