Escoitar

O Zoo transfórmase en Vigonature para a educación e divulgación medioambiental

O proceso de transformación do Vigozoo no centro de divulgación ambiental municipal Vigonature escribirá o vindeiro sábado un novo capítulo co programa de actividades educativas organizadas en torno ao medio ambiente. Así o avanzou este mércores o alcalde ao destacar o cambio en que está inmerso o Zoo para convertelo en área de educación ambiental e recalcar que xa non se trata “dunha zona de animais en catividade, senón dun espazo para a aprendizaxe sobre o medio ambiente”.

mércores, 21 feb 2024

“Desaparece o Vigozoo e aparece Vigonature, que é un parque da natureza de Vigo que vai ser excepcional. Queremos que os mozos viven a natureza.Trátase de ter obxectivos ambientais, de divulgación e de contar cun parque ambiental na cidade de Vigo”, afirmou Abel Caballero ao destacar a serie de cambios que están en pleno desenvolvemento para o novo Vigonature.

O rexedor destacou a ausencia de animais en catividade no novo proxecto. “Non os queremos porque se volven tolos e sofren dunha forma indescritible”, recalcou.
Entre os cambios do Vigonature atópase a instalación dunha nova cartelería na fachada exterior da entrada do parque, que se suma á renovación integral da entrada coa creación dun espazo naturalizado e axardinado, así como cun espazo verde integral e o novo parque de aventura con tirolesa e casetas nas árbores.
Caballero explicou que os cambios afectarán o modo de visitar o recinto natural, xa que contará cun campamento para nenos e novos, e que se manterán algunhas partes das instalacións actuais que contan con fauna compatible coas características do cambio que rexistra o centro.

O alcalde sinalou que esta fin de semana arrincan as primeiras actividades de Vigonature con visitas ao Nocturama para observar como se alimentan os pequenos mamíferos; así como ao Exotarium para contemplar a alimentación de tartarugas e iguanas. A estas sumaranse cursos sobre as estratexias de camuflaxe dos animais, de localización de fósiles e de poda de árbores.
“Desaparece o Vigozoo e aparece Vigonature, que é un parque da natureza de Vigo que vai ser excepcional e que queremos que os mozos viven a natureza”.

Descargar todas as imaxes