O Concello convida á cidadanía a sumarse ás rutas saudables da AECC en Vigo
A cuarta edición das Rutas Saudables en Vigo comezarán o martes 27 de febreiro e desenvolveranse ao longo de 12 semanas co obxectivo de fomentar a actividade física periódica entre a poboación.
A Asociación Española contra o Cancro e o goberno municipal presentaron este luns a IV edición das Rutas Saudables en Vigo: 11 itinerarios de dificultade baixa e duración curta-media, de entre 5 e 6 quilómetros, que poden facerse con mascotas e menores e que teñen como finalidade fomentar a actividade física entre a poboación e construír un espazo de encontro que fomente os hábitos saudables.
A concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, animou á cidadanía viguesa a sumarse a esta “iniciativa magnífica da AECC” para poñer en práctica hábitos saudables. A partir do 27 de febreiro, cunha frecuencia semanal e ao longo de 12 semanas, as persoas participantes poderán sumarse ás rutas cada martes ás 10:30 e ás 17 horas nalgún dos seguintes itinerarios: Castelao (5,2km), Bouzas I (5,2km), Etea (6km), Lagares I (5 km), Senda Eifonso (5km), Bouzas II (5 km), Cabral (5km), Senda Verde (6,9), Lagares II (7,2 km), Samil – Canido (8 km) e Paseo de Cangas (5 km).
Na presentación deste luns participaron Blanca Ana García Rodríguez, presidenta provincial da AECC; María Esperanza Fernández Lamas, vicepresidenta provincial; Lola Andújar Rogel, técnica de prevención da AECC e Adolfo Santos, xerente da AECC en Pontevedra.
Lola Andújar explicou os beneficios da actividade física para as persoas de calquera idade, especialmente para combater o sedentarismo, e informou da forma de inscrición na actividade. Pode facerse de xeito telefónico, no número gratuíto 900 100 036, que está dispoñible 24 horas, 365 días ao ano e pode facerse de xeito presencial na sede de Vigo da AECC (Don Bosco, 41).