O Concello comunica aos colexios as listas dos 3.963 estudantes beneficiarios das bolsas de comedor
Abel Caballero anunciou este xoves que o Concello comunicou aos colexios o nome dos beneficiarios das bolsas de comedor. Apuntou que se concederon un total de 3.963 axudas, 403 máis que o curso pasado. A administración municipal dedica, neste curso, 2.500.00 euros a sufragar os gastos de comedor dos estudantes de Vigo.
Os colexios de Vigo xa teñen a información sobre os beneficiarios das bolsas de comedor. Así o comunicou este xoves o alcalde ao incidir que entre as novidades de 2023 destaca o incremento da contía das axudas ao pasar de 41 a 45 euros, “polo que temos que dedicar máis recursos porque cada bolsa ten máis diñeiro”.
Caballero sinalou que o aumento no número de beneficiarios e das contías xeran un incremento da partida orzamentaria municipal en 500.000 euros, pasando de 1.300.000 euros a 1.800.000. “Desde Política Social dedicamos 1.8000.000 euros e desde Foampas outros 600.000” detallou, tras destacar que cos preto de 2.500.000 euros para bolsas de comedor en Vigo non existen listas de espera, “sendo o único concello de España” con todos os demandantes atendidos, xa que, “ningún neno ou nena de Vigo que cumpre cos requisitos queda en lista de espera e noutras cidades si”, recalcou.
Axudas de emerxencia
Caballero explicou que a comisión de axudas de emerxencia celebrada o pasado día 5 de decembro acordou conceder 63 apoios por un importe de 15.651 euros. Detallou que destas, 42 se destinana a sufragar o alugueiro e aloxamento; 4 son de farmacia, e óptica e 17 de luz e auga. “O apoio máis importante segue sendo o alugueiro e aloxamento, que o paga o Concello para evitar que as familias sexan desafiuzadas”.