Caballero considera unha boa decisión levar a Vigo+11 a Coia, este domingo, con máis de 600 atletas
A décimo quinta edición da Vigo+11 vaise disputar este domingo ás 10:30horas con saída e chegada na Praza da Tellada, en Coia, onde se sitúa a instalación deportiva municipal de Máis que Auga, saída e meta da carreira. Así o anunciou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que estivo acompañado na presentación da proba atlética por Fran Cortegoso, director xeral de Máis que Auga, e David Posada, delegado en Vigo da Federación Galega de Atletismo, e tamén polo edil de Deportes, Manel Fernández.
O rexedor indicou que “levamos a carreira a Coia porque tampouco é bo momento para facer moitas cousas polo centro e imos a un gran espazo para o atletismo”. De feito, o xefe do goberno municipal lembrou que ao disputarse por Castelao e Gran Vía, "con tres carrís, prodúcense poucas retencións de
tráfico". Posada engadiu que “son dúas grandes avenidas para que sexa unha carreira vistosa”.
Coa inscrición pechada este mércores Día da Constitución, a Vigo+11 mobilizará a 650 participantes: 273 nas carreiras de menores (de 100 metrosa 1.500, ata os dezaseis anos), 94 no 5.000 e 273 atletas no 10K. "É a derradeira das competicións da Run Run Vigo que patrocinamos desde o Concello coa organización a cargo da FGA", apuntou Caballero. A proba conta co apoio de Máis que Auga e o diario Atlántico, o que apaludiu o primeiroedil: "Encántame que a iniciativa privada estea presente nestas accións. Somos unha cidade de economía. Valóroo máis pola presenza que pola achega”,
dixo.
Caballero, que lembrou que a Vigo+11 comezou en 2007, afirmou que o evento "ten longo percorrido e funciona moi ben", agora con David Posada á fronte da organización. E fixo unha reflexión acerca das carreiras populares: "Temos a cota cuberta", anunciou. De feito, cada mes hai polo menos unha carreira polas rúas de Vigo, e nalgúns deles ata dúas. "Ás veces o running ocupa tanto espazo que se fixésemos tódalas carreiras que nos piden teriamos unha cada semana, o que non é factible porque se non se resente a cidade".
O circuíto, dunha volta para a participación no 5K e de dúas no 10.000, toca as rúas Quintela, avenida Castelao (dirección Praza de América), Gran Vía e Illas Baleares, para regresar ata Castelao (pero polo túnel) e xirar na rotonda do barco de Alfageme e rematar por Quintela na Praza da Tellada.