Escoitar

O Concello avaliará a organización do persoal para poder prestar un “mellor servizo á cidadanía”

A Xunta de Goberno Local celebrada este venres aprobou a contratación do servizo de asistencia técnica para a análise e valoración de postos de traballo, a avaliación da suficiencia dotacional e a análise de estruturas organizativas e funcionais do Concello para “axustar o cadro de persoal ás necesidades” da cidade do século XXI.

venres, 17 nov 2023
Imaxe de arquivo do edificio consistorial
Imaxe de arquivo do edificio consistorial

O alcalde informou da contratación deste servizo de asistencia técnica por un importe de 65.000 euros e un prazo de execución de 24 meses. O obxectivo municipal é realizar un estudo con perspectiva de xénero da organización, das funcións e do funcionamento dos diferentes postos de traballo do Concello.

“Temos que axustar o cadro de persoal municipal ás necesidades reais do primeiro cuarto do século XXI e dunha cidade completamente diferente á de hai 50 anos”, sinalou, engadindo que o estudo permitirá analizar a suficiencia dotacional do persoal e propoñerá actuacións para redimensionala ou racionalizala co fin de poder prestar o servizo público coa maior eficiencia e calidade. “Queremos prestar un mellor servizo á cidadanía” e isto significa unha “dimensión e racionalización do funcionamento do Concello” xa que “temos que adaptarnos ás novas formas de funcionamento: cada vez hai máis tecnoloxía, máis informática ou máis intelixencia artificial”, apuntou o rexedor.

Tal e como explicou Abel Caballero, esta é a primeira vez que o Concello avalía de forma integral a relación de postos de traballo. Primeiro analizouse o cadro da Policía Local cun resultado que xa está “implementado e está funcionando moi ben” e agora farase para o conxunto do persoal municipal, que conta nestes momentos con 1400 traballadores. O estudo farase con perspectiva de xénero dando cumprimento ao I Plan de Igualdade do Persoal.

Outros acordos

A Xunta de Goberno Local deu luz verde tamén á subvención á Real Federación Galega de Fútbol para o evento deportivo Copa Vigo de Fútbol 2023, por un importe de 5.000 euros. Trátase dunha das competicións futbolísticas máis representativas e con arraigamento no fútbol afeccionado de Galicia; leva 88 edicións e conta en cada edición cunha participación media de 650 xogadores e xogadoras. Quedou aprobada así mesmo a subvención para organizar e difundir actos sociais e encontros veciñais durante o ano 2023. Son 100.000 euros que recibirán 21 entidades que presentaron 30 proxectos relacionados co asociacionismo.

Descargar todas as imaxes