Escoitar

O goberno local aproba as bases das axudas para libros ás familias de 205 euros

Abel Caballero avanzou este xoves que a Xunta de Goberno aprobará mañá venres a concesión das axudas para libros ás familias con estudantes que cursan Educación Primaria, Secundaria, Formación Profesional Básica e Educación Especial, tanto de centros públicos como concertados. Contan cun importe de preto de 6 millóns de euros. Beneficiarán a todos os escolares empadroados en Vigo estuden ou non nun centro da cidade.

xoves, 16 nov 2023
O Goberno de Vigo, no pleno onde se aprobaron os 5,8 millóns para axudas de libros
O Goberno de Vigo, no pleno onde se aprobaron os 5,8 millóns para axudas de libros

O alcalde lembrou que co acordo que adoptará este venres o goberno municipal, cada estudante contará cunha bolsa de 205 euros para afrontar a factura dos libros de texto do curso 2023-2024. “Mañá dirémoslle ás familias de 28.500 nenos e nenas que contarán cunha axuda de 205 euros, pagada polo Concello, para os libros de escolares de Primaria, Secundaria, Formación Profesional e Educación Especial de todos os centros educativos de Vigo”, incidiu.

Caballero destacou que entre as novidades da nova convocatoria de axudas figura que tamén recibirán o apoio económico as familias dos escolares empadroados en Vigo e que estudan noutras localidades. “Hai moitos que estudan en municipios próximos por distintas razóns aos que tamén chegará a axuda”, indicou.

As solicitudes deben ser presentadas polos pais, titores ou representantes legais, segundo lembrou. Acto seguido apuntou que os importes que percibirán do Concello son compatibles coa percepción de axudas doutros organismos públicos ou privados.
Coa perspectiva de que a finais da próxima semana poidan presentarse as solicitudes, a través da web ou de forma presencial no Concello, o alcalde lembrou que, entre os requisitos figura, ademais de estar empadroado en Vigo, acreditar a matrícula.
Caballero sinalou que entre as novidades da nova convocatoria figura que todos os beneficiarios das axudas do curso 2022-2023 e que volvan demandar a axuda, non terán que volver presentar toda a documentación, xa que só deben asinar a declaración responsable do cumprimento de todas as bases.

O Concello tamén dispón dun novo sistema de axuda e asesoría para facilitar as xestións ás familias, xa que os centros cívicos de Saiáns, Teis, Coruxo, Casco Vello e Bouzas, contarán con persoal para guiar aos demandantes no proceso. Os solicitantes contarán cun prazo de dous meses para cursar a súa petición á administración municipal.

O alcalde asegura que o Concello imprimirá o ritmo “máis rápido posible” ao proceso de concesión, aínda que lembra que as previsións son contar con 28.500 solicitudes. “Iremos facendo públicas por bloques a medida que se vaian adxudicando para facilitar a cobranza canto antes. A revisión farase por orde de entrega”. Aprobado pola Xunta de Goberno, as bases publicaranse no portal de transparencia do Concello.

Caballero salientou que o municipio de Vigo é o único de España que financia a compra dos libros de texto dos escolares. “Hai 8.131 concellos e ningún, nin as comunidades autónomas”, teñen estas medidas de apoio ás familias. “Gustaríame que o PP e o BNG de Vigo felicitasen á cidade, pero sei que non o van facer porque non lle gusta que nós aprobemos estas medidas, pero gústenlles ou non, apróbanse. Foi unha promesa electoral. Fun acusado en eleccións de que non o ía a facer e...feita a aprobación”.

Descargar todas as imaxes