Escoitar

Abel Caballero: "En Vigo construímos o futuro da automoción"

A incubadora HTA estrea nas instalacións do Consorcio da Zona Franca de Vigo en Bouzas a súa nova infraestrutura para poñer ao servizo de emprendedores e startups do sector da mobilidade, equipos e tecnoloxía de vangarda.

mércores, 15 nov 2023

As instalacións do Consorcio da Zona Franca de Vigo na área portuaria de Bouzas, onde se sitúa a incubadora High Tech Auto, acolleron hoxe a inauguración oficial do laboratorio de prototipado AutoLab, unha infraestrutura innovadora que é pioneira en España e que o Consorcio pon ao dispor do talento emprendedor e do tecido empresarial do sector da automoción e a mobilidade, novas ferramentas e equipamentos de vangarda.

A incubadora HTA amplía así a súa rede de servizos e recursos propios cun novo laboratorio, deseñado para dar continuidade ao labor de fomento da creatividade, a innovación, a investigación e a aprendizaxe a través da fabricación dixital e a participación colaborativa na creación de proxectos disruptivos para o sector.

O Consorcio da Zona Franca de Vigo pon ao dispor de startups e emprendedores os espazos do AutoLab para que desenvolvan probas de concepto, MVPs (Minimum Viable Products) e prototipos, antes da súa saída ao mercado, sen ter que realizar investimentos nestes recursos tan necesarios para a validación e, por tanto, para a viabilidade dos seus proxectos.

As novas instalacións inclúen 6 áreas de traballo especializado: Prototipado rápido, Electrónica, 5G con Edge Computing, CNC, Robótica e Dixitalización con Hardware e Software, e permiten reforzar a oferta e o atractivo da Incubadora de alta tecnoloxía asentada en Vigo para o fomento da innovación e a transferencia de tecnoloxía ao sector da automoción e os compoñentes.

Ao acto inaugural, no que se descubriu unha placa conmemorativa, acudiron por parte do Consorcio da Zona Franca de Vigo o seu presidente e alcalde de Vigo, Abel Caballero, a vogal do pleno Carmela Silva; a vocal substituta do Delegado Especial, Ana Mejías; e a directora xeral, Inés González. Asistiron tamén o Director Xeral da Fundación INCYDE, Javier Colado; a Director da área de Competitividade do Instituto Galego para a Promoción Económica (IGAPE), Norberto Penedo; e o responsable da HTA e a súa AutoLab no Consorcio, Heiko Unzalu, quen exerceu de guía aos asistentes polas novas dependencias. "Desde Vigo somos capaces de competir coas principais factorías do mundo e facémolo con éxito. Estamos en primeira liña das novas dinámicas da automoción. Aquí faise o futuro.", expresou Caballero no acto.

High Tech Auto, a primeira incubadora de Galicia especializada no sector da automoción e a mobilidade, é un referente destacado do ecosistema de emprendemento e talento. Este proxecto está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) que xestiona a Fundación INCYDE das Cámaras de Comercio españolas, dentro do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020 no marco da iniciativa «Incubadoras de alta tecnoloxía para o fomento da innovación e a transferencia da tecnoloxía ás micropemes».

A incubadora foi promovida polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e pola Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), e forma parte da Rede de Incubadoras de Alta Tecnoloxía postas en marcha pola Fundación INCYDE en todo o territorio nacional.

As 6 áreas do AutoLab

O laboratorio da High Tech Auto componse de 6 seccións especializadas con equipamentos que posibilitarán a formación, a investigación e o desenvolvemento de proxectos e solucións promovidas polo emprendemento e o ecosistema empresarial.

1. Área de prototipado rápido: Espazo equipado con tecnoloxías de fabricación dixital, incluíndo seis impresoras 3D de filamento, de resina e de po; escáner 3D e unha ampla variedade de ferramentas especializadas.

Estas tecnoloxías permiten converter deseños en obxectos reais con alta precisión e eficiencia. Ofrécese unha ampla gama de ferramentas auxiliares como cortadoras láser, software de deseño, secadoras de filamento, arenadora, plotter e pulidora para crear e materializar deseños utilizando tecnoloxías de fabricación dixital avanzadas.

2. Área de Electrónica: Dispón de ferramentas de medición como osciloscopios, xeradores de sinais e multímetros para realizar probas e análises de circuítos. Tamén de estacións de soldadura e de-soldadura para a ensamblaxe e reparación de compoñentes electrónicos, así como un pick and place para construír placas electrónicas.

3. Área de 5G con Edge Computing: Espazo para o desenvolvemento e ensaio de solucións innovadoras no ámbito da conectividade, ofrecendo unha rede 5G exterior e interior equipadas con cloud computing e edge computing para validar ideas e aplicacións no ámbito da Realidade Virtual (VR), Realidade Aumentada (AR), Internet das cousas (IoT), vehículos autónomos e outras.

4. Área de CNC: Ofrece unha fresadora CNC para traballos en 2D e 3D de alta precisión para diferentes materiais metálicos e de madeira. O equipo conta con refrixeración por aire, así como por líquidos, ademais dunha aspiradora e un compresor para facilitar o seu uso.

5. Área de Robótica: Dispón dun robot colaborativo (UR10e de Universal Robots) de grandes dimensións, o máis potente da súa gama. Permite realizar probas con potencia para coller pesos de ata 12 kg con diferentes garras con calquera tipo de procesado.

6. Área de Dixitalización con Hardware e Software: Ofrece os equipos informáticos máis potentes do mercado actual. Dispón de portátiles e computadores con procesadores e tarxetas gráficas de última xeración, dispositivos 5G como teléfonos intelixentes, tablets e outros dispositivos conectados, así como diferentes lentes de Realidade Virtual e de Realidade Aumentada sendo estes equipos o estándar na industria (Varjo). Os equipos contan con software especializado con acceso a ferramentas de deseño, simulación e modelado 3D incluíndo Solidworks, Autodesk, Mathworks ou ChatGPT Plus entre moitos outros.

Descargar todas as imaxes