Escoitar

Abel Caballero: “Vigo terá trens Avril en canto estean dispoñibles”

O alcalde anunciou que en Vigo operarán os novos trens Avril “que sexan necesarios para solventar o agravio da cidadanía de ir ata Madrid pasando por Santiago”. Caballero lembrou á conselleira de Infraestruturas que Vigo non ten alta velocidade “polo parón con Rajoy de presidente do Goberno” e louvou que o actual Goberno de España recuperase o proxecto.

venres, 27 out 2023

Vigo terá “os trens Avril necesarios para solventar o atraso nos tempos que provoca ter que pasar por Santiago para viaxar ata Madrid”. Abel Caballero anunciou que “en canto os novos trens Avril da serie 106 de Talgo estean dispoñibles chegarán á cidade”.

O alcalde respondeu así as declaracións da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que cuestionou a chegada dos trens Avril a Galicia e manifestou a importancia de que a alta velocidade chegue a Vigo, entre outras cidades. Caballero amosou a súa “estupefacción” ante tal declaración e lembrou que Vigo non ten liña de alta velocidade directa con Madrid: “Rajoy como presidente do Goberno de España, Ana Pastor como ministra de Fomento, Feijóo como presidente da Xunta e Rueda como vicepresidente pararon a liña de alta velocidade Vigo-Ourense por Cerdedo, que tiña a Declaración de Impacto Ambiental asinada polo goberno de Zapatero, con Elena Espinosa como ministra de Medioambiente, e eles meteron todos os papeis nun caixón. Agora recuperámolo co goberno de Pedro Sánchez”.

Descargar todas as imaxes