O Concello promociona as creadoras de Vigo co programa “Vigofem”
Abel Caballero e as concelleiras Carmela Silva e Ana Laura Iglesias presentaron este martes o proxecto do Concello de Vigo “Vigofem”, deseñado para recoñecer e promover as creadoras da cidade. O programa comezará o vindeiro luns 16 cun encontro literario no Marco, coincidindo co “Día das Escritoras”, e finalizará o venres 20 cun concerto na Porta do Sol.
O alcalde explicou que cos catro actos culturais programados “avanzamos nos principios da igualdade, da difusión da cultura feminista e impulsamos a creatividade”.
O rexedor detallou que no encontro literario do luns, que se desenvolve baixo o título “Improvisa”, que comezará ás 19.00 horas no Museo de Arte Contemporánea, MARCO, contará coa participación de seis narradoras e poetas que improvisarán varios textos que poderán seguirse de forma simultánea nunha pantalla ao ser recollidos nun soporte dixital. Intervirán Xina Vega, Anna R. Figueiredo e Isabel Blanco, como narradoras e Silvia Penas, Branca Trigo e Miriam Ferradás como poetisas.
O programa conta coa representación teatral “Sorpresa”, prevista para o martes 17. Poñerase en escena na galería do MARCO. Está a cargo da compañía “Enconarte Producións”. O mércores 18 terá lugar a charla-concerto “Mullieribus”, coa intervención de Margarita Viso. O Auditorio Municipal de Vigo acolle o coloquio e a interpretación ao violín de Begoña Riobóo e da cantante Su Garrido.
A clausura do programa, de acceso gratuíto en todos os actos, contará co concerto de “Wöyza&The Galician Messesgers”, programado a partir das nove da noite do día 20 na Porta do Sol.