Escoitar

Yolanda Aguiar reafirma a colaboración do Concello coas entidades que traballan pola saúde mental

A concelleira de Política Social confirmou este martes que o Concello de Vigo se sinte “profundamente concernido” cos problemas da saúde mental, por iso é polo que reitera a colaboración coas entidades e o tecido social da cidade que traballan diariamente coas persoas afectadas, así como na detección precoz e na prevención.

martes, 10 out 2023
Yolanda Aguiar, concelleira de Política Social
Yolanda Aguiar, concelleira de Política Social

Yolanda Aguiar, ante os integrantes da Asociación DOA que participaron na celebración do Día Mundial da Saúde Mental, organizado baixo o lema “A saúde é un dereito humano universal”, reivindicou o papel dos concellos na promoción dos servizos e recursos para as persoas que os necesiten. “As cidades son os espazos por excelencia para as vidas das persoas, xogando un papel decisivo na súa saúde”, defendeu Yolanda Aguiar tras afirmar que “o Concello de Vigo está totalmente comprometido na promoción, protección e coidado da saúde de toda a cidadanía, especialmente da súa saúde mental”.

A edil, ademais de sumarse á demanda de que “ningunha persoa debería verse privada dos seus dereitos humanos ou verse excluída das decisións sobre a súa persoa por padecer un problema de saúde mental”, reclamou o dereito a unha “atención accesible, digna e de calidade, así como o dereito á liberdade, á independencia e á integración na súa contorna social”.

A Asociación DOA entregou a Miguel Angel Gutiérrez o premio como gañador do concurso de carteis no que María Ángeles Márquez quedou en segundo lugar.
 

Descargar todas as imaxes