Escoitar

Comezan as obras para a instalación de ramplas mecánicas en Lavadores

O alcalde asistiu ao acto simbólico da primeira pedra para que comecen as obras da instalación das ramplas mecánicas e humanización na zona do centro de saúde de Lavadores e o CEIP Fonte Escura. Trátase dun proxecto cofinanciado co Goberno de España con fondos europeos Next Generation EU.

venres, 11 ago 2023

Abel Caballero puxo a simbólica primeira pedra para dar comezo as obras de humanización e instalación de ramplas mecánicas no centro de saúde de Lavadores e o CEIP Fonte Escura. Este novo corredor mecánico supón unha inversión 1.814.000 euros dos cales o Goberno de España aporta 1.350.000 euros a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia dotado con fondos europeos Next Generation EU.

O proxecto contempla as actuacións necesarias para rehabilitar e renovar a contorna urbana do centro de saúde de Lavadores e o Colexio Fonte Escura, entre a Avenida Ramón Nieto e Travesía de Barreiro. A rampla salvará unha pendente duns 11 metros nunha lonxitude de 40 metros, en tres tramos, que conforman un corredor mecánico que facilitará o desprazamento da cidadanía ao centro sanitario. “O acceso ten unha pendente media do 9% e algúns tramos do 12%”, explicou o alcalde. A instalacións das ramplas vén acompañada da humanización da contorna creando novos espazos mediante a ordenación viaria e a renovación dos servizos urbanos: abastecemento, saneamento e alumeado. A obra contempla a renovación do saneamento, unha nova rede de pluviais, mellora da eficiencia enerxética, instalación de puntos de luz con tecnoloxía led, novos pavimentos, mobiliario e espazos verdes.

Descargar todas as imaxes