O Concello mantén a súa aposta polo Galiexpo Motor Show, a festa do motor a nivel nacional, esta fin de semana no Ifevi
Nove meses despois da edición anterior, en setembro, volve o Galiexpo Motor Show, feira do sector do motor que terá lugar dende este venres ao domingo no Instituto Feiral de Vigo.
O salón do motor, organizado por Joaquín Portabales e Ricardo Goñi, conta un ano máis co patrocinio do Concello, como lembrou o edil de Deportes, Manel Fernández, e mantense dende 2019 como a única feira do país nesector, despois da caída dos eventos de Madrid, Barcelona e Zaragoza. “É un acontecemento deportivo e expositivo de primeiro orde”, subliñou o edil, que situou a Galiexpo como “un activo tradicional do motor en Vigo”, dixo.
Os pavillóns do Ifevi recibirán zonas de motociclismo, caravaning, tuning, clásicos ou superdeportivos e todoterreos, coa novidade de que nesta edición ás espectaculares exhibicións de derrapaxes (“drift”) no pavillón 3, cos catro mellores pilotos da especialidade, unirase o austríaco Thomas Wirnsberger, que fará exhibicións de motocrós freestyle.
“Queremos mesturar ocio e negocio”, sinalou Portabales nunha rolda de prensa na que se explicou que a entrada de Recalvi o ano pasado consolidouse agora ao incorporarse á denominación oficial do evento Recalvi Galiexpo Concello de Vigo Motor Show. Ademais, o Grupo Salco atópase no seu aniversario (medio século de vida), e continúa como forte patrocinador privado.
O público que se achegue ao Ifevi (entradas para o salón a 8 euros na web de Galiexpo ou na entrada ao recinto, e para o certame e tamén para os eventos deportivos a 13 euros) vai gozar dunha exhibición este venres (20:00 horas), que serán dúas o sábado e o domingo (17:00 e 19:30), pois a organización sabe que este eventos teñen o cheo asegurado.
Ademais exporase o Fórmula 1 de Michael Schumacher, haberá faladoiros sobre mobilidade (este venres ás 18:30 horas e o sábado ás 11:30), un circuíto de karts ou simuladores de condución, entre outras actividades.“Queremos que Galiexpo sexa o Conxemar a nivel motorshow”, dixo Portabales.