O alcalde aventura que o World Padel Tour ofrecerá un “espectáculo excepcional” en Vigo
Abel Caballero e Carmela Silva participaron este luns na presentación do campionato que se está a desenvolver estes días no Ifevi e que vivirá as finais durante a fin de semana, o 13 e 14 de maio.
A terraza exterior de Vialia acolleu este luns a presentación do World Padel Tour “Estrela Damm Vigo Open 2023” coa presenza de Luís Torres, organizador, e de tres dos xogadores vigueses que compiten estes días no Ifevi: Ignacio Vilariño, Héctor Guisande e Marta González Niño.
Polo torneo pasarán 240 xogadores profesionais de 11 nacionalidades diferentes e será televisado por 131 canles televisivas de todo o mundo. O Concello apoia a cita e Abel Caballero destacou que se trata dunha “ocasión excepcional para ver a xogadores de ámbito mundial e estimular a participación neste deporte” e, con tódalas entradas vendidas, adiantou que estes días o Ifevi ofrecerá un “espectáculo magnífico, excepcional, con xogadores de primeiro ámbito mundial”.
A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, apuntou que desde o ente provincial “están encantados” de facer posible que o World Padel Tour estea en Vigo como un deporte que “está tendo un crecemento excepcional” e salientou “o compromiso coa igualdade da organización xa que os premios son iguais para homes e mulleres”.
Luis Torres, organizador do campionato, trasladou os parabéns á cidade por ser “a primeira sede mundial da historia que congrega cinco pistas nunha soa localización”, xa que os partidos disputaranse todos nas cinco pistas habilitadas no Ifevi, que é “a maior montaxe da historia do World Padel Tour nunha soa ubicación”.