Escoitar

Bouzas recibirá dous millóns de euros dos fondos europeos de Turismo

A Xunta de Goberno aprobou a reprogramación económica polo importe concedido para a revitalización do casco histórico de Bouzas e o seu litoral. O goberno local tamén aprobou as bases das axudas de Turismo para entidades deportivas, a limpeza dos colexios e os puntos lila de prevención de acoso e violencia sexual.

luns, 8 mai 2023

O alcalde deu conta dos asuntos aprobados en Xunta de Goberno do venres 5 maio. Vigo recibirá 2 millóns de euros para a revitalización do casco histórico de Bouzas e o seu litoral dos fondos transferidos no Plan de Sostibilidade Turística en Destino 2023 enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado cos fondos europeos Next Generatión EU.

“O proxecto mellorará zonas verdes, recollida porta a porta de residuos, nova iluminación, humanización da rúa do Pazo, promoción dixital de Bouzas e o casco histórico, difusión da festa da Brincadeira para ser Festa de Interese Turístico de Galicia”, explicou o rexedor.

Limpeza colexios

Na mesma sesión, quedou aprobada a contratación do servizo de limpeza dos colexios públicos e escolas municipais dependentes do Concello de Vigo por un período de 6 anos e un importe de case 18 millóns de euros.

Igualdade

A Xunta de Goberno deu luz verde tamén ao programa “Atención especializada para a prevención de situacións de acoso e violencia sexual en zonas de ocio”, os coñecidos como puntos lila. O importe da adxudicación é de case 80.000 euros “para dar información, atención, facer prevención e estar presentes para evitar calquera tipo de violencia machista nas festas de Vigo”, deu conta Caballero.

Amais, informou da aprobación das bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para a organización de eventos deportivos con fins de interese turístico para o ano 2023 por un importe de 90.000 euros. A ela poden acollerse as entidades deportivas da cidade de Vigo que se organizan e crean eventos deportivos con especial interese turístico.

Descargar todas as imaxes