Escoitar

O Concello insta á Xunta a rebaixar os tempos de espera para a valoración da dependencia

A concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, defendeu no Pleno a moción socialista que demanda ao goberno autonómico, de forma urxente, un plan de choque para baixar a espera e pide a creación de prazas residenciais e centros de día en Vigo, que non conta hoxe con ningunha praza dispoñible para dependentes.

mércores, 26 abr 2023
A concelleira Yolanda Aguiar durante a defensa da moción
A concelleira Yolanda Aguiar durante a defensa da moción

Tal e como expuxo na sesión plenaria, en Galicia, un dependente debe esperar de media 364 días para ser valorado e ter adxudicado o Programa Individual de Atención, o que “significa que a Xunta ten unha demora que duplica o prazo máximo fixado legalmente”, que é de tres meses.

A edil de Política Social, achegou o dato do Observatorio Estatal da Dependencia, que sitúa en 3.271 o número de galegas e galegos que se atopan á espera de recibir atención, case 800 persoas pendentes de valoración e 504 solicitudes non gravadas no sistema. A situación agrávase unha vez realizada a valoración, apuntou Yolanda Aguiar, dada a lista de agarda nos centros de día públicos, xa que a Xunta de Galicia non ten construído nin unha soa praza residencial pública nos últimos anos, acumulando un déficit de 14.000 prazas residenciais.

Así, o Pleno aprobou, coa abstención do PP, instar á Xunta de Galicia a poñer en marcha, de forma urxente, un plan de choque para rebaixar os tempos de espera para a valoración da dependencia e a adxudicación do Programa Individual de Atención, mediante o incremento das equipas de valoración. Amais demanda a creación de prazas residenciais e centros de día en Vigo para dar resposta á situación de emerxencia que se vive na cidade, que non conta hoxe con ningunha praza residencial para persoas dependentes, nin pública nin privada. A moción insta tamén á actualización das contías económicas das libranzas no decreto que está en fase de tramitación, xa que non se corresponden co prezo/praza residencial actual.

Descargar todas as imaxes